O Concello da Coruña instalará pasos de peóns con balizas semaforizadas na rúa Barcelona

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña informa da adxudicación do contrato para instalación de balizas semaforizadas nos cruzamentos da rúa Barcelona coa avenida das Conchiñas, rúa Agra del Orzán e rúa Alcalde Lens. Cun investimento final de 79.524 euros, o proxecto enmárcase dentro do ámbito Urbana C e seguindo as medidas que se formulan no primeiro Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) da cidade.

A Concellaría de Mobilidade, que dirixe Begoña Freire, concretou que é preciso semaforizar os pasos de peóns nestes tres cruzamentos da rúa Barcelona, reforzándoos con balizas led, o que mellorará de xeito notable a seguridade do tránsito rodado pero, sobre todo, do peonil; actuando neste importante itinerario peonil polo que camiñan máis de 14.000 viandantes diarios- número de peóns superior, por exemplo, ao fluxo de coches da maioría de rúas-.

Freire sinalou que a actuación ten visión global e fomentará a mobilidade peonil nun itinerario que é unha auténtica “Rolda Peonil dos Barrios”, que comeza na rúa peonil da Gaiteira e no que se executaron ou están en execución distintas obras de fomento da mobilidade peonil como as do cruzamento baixo Alfonso Molina na rúa Pugna e Parga, o ascensor en Ramón Cabanillas ou a reurbanización de Anxo Senra.

“Esta solución que se emprega por primeira vez na Coruña, permite compatibilizar usos nun tramo que cruza todo o barrio do Agra do Orzán, e no que existen tres interseccións con tránsito rodado (avenida Conchiñas, rúa Agra do Orzán e rúa Alcalde Lens) que comunican O Ventorrillo, Rolda de Outeiro e Rolda de Nelle”.

Cun investimento de 79.524,59 euros -o que supón un aforro do 18,8% (18.400 euros) con respecto ao presuposto de licitación- e un prazo de execución de dous meses, o proxecto adxudicouse a Iluminacións Viarias (Aluvisa).

A proposta definida pola área de Mobilidade permite mellorar a seguridade e permeabilidade peonil destes cruzamentos da rúa Barcelona a través dunha novidosa regulación con balizas led, semáforos e chatolas no pavimento para advertir o peón; cumprindo a normativa de accesibilidade vixente, incorpora avisadores acústicos; e minimiza o custo do proxecto, así como as molestias xeradas polas obras, porque aproveitará as conducións semafóricas e de iluminación existentes.

 

30 de decembro de 2014 | 13:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.