O Concello da Coruña aproba o novo PEPRI

Xunta de Goberno Local
A Xunta de Goberno Local aprobou, de forma provisional, o Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) de Centro histórico, As Atochas, Pescadería e Orzán. Así o anunciou esta mañá o tenente de alcalde de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, quen avanzou que o obxectivo é que reciba o visto e prace definitivo ao longo do próximo mes de xaneiro para que o novo documento axude a salvagardar o patrimonio arquitectónico e cultural da zona, a recuperar o uso residencial e a actividade económica e, en definitiva, permita mellorar a calidade de vida dos veciños.
O Concello tamén acordou abrir o prazo para solicitar subvencións para a reforma de fachadas e substitución de cartelaría exterior en inmobles do ámbito PEPRI; concedeu a licenza á Federación Galega de Fútbol para que constrúa a súa nova sede en San Pedro de Visma; deu o visto e prace ao proxecto de construción do Quiosco Cívico Catro Camiños por 1,43 millóns de euros enla praza José Toubes Pego; orzou 400.314 euros para contribuír á execución do novo centro da Asociación Down Coruña; e aprobou a conxelación das tarifas do bus urbano para o próximo ano. Ademais, na sesión de hoxe acordouse un comunicado de apoio aos traballadores de Alcoa.
PEPRI
“A aprobación provisional deste documento sitúanos xa a un paso de contar cunha ferramenta máis moderna, flexible, aberta e consensuada para conseguir un núcleo histórico á altura das principais cidades do século XXI”, subliñou o tenente de alcalde, quen lembrou que a tramitación iniciada en 2012, cando se aprobou de forma inicial este documento, está a piques de culminar.
Neste sentido, Martín Fernández Prado insistiu en que durante estes anos púxose especial atención a dúas cuestións: por unha banda, o traballo continuo para perfeccionar o plan a través das achegas dos informes sectoriais, dos informes do equipo de Urbanismo e do contacto continuo coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural; e, por outra banda, as achegas de veciños e colectivos tanto a través das alegacións como de múltiples reunións. “Grazas a estas dúas liñas de traballo conseguimos un plan a medida das necesidades do ámbito e axustado a moitas das demandas de veciños, comerciantes e profesionais. En definitiva, un documento que se elaborou con transparencia e participación”, engadiu.
Fernández Prado informou de que se recibiron 1.558 alegacións, xa que se alargou o período de exposición pública para favorecer, precisamente, esa participación e transparencia, que se completou coa notificación por escrito a 12.000 veciños e comerciantes; a publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP) dos 1.000 propietarios aos que non se lles puido enviar dita notificación; unha exposición divulgativa; a publicación do documento na web municipal; e 14 reunións con colectivos e asociacións: “O 51% das alegacións tiveron que ver con temas de ordenación, alturas ou cubertas, temas que levan unha modificación puntual da normativa para dar maior tranquilidade aos veciños”, destacou Fernández Prado.
O tenente de alcalde lembrou que, neste tempo, traballouse cos obxectivos de salvagardar o patrimonio arquitectónico e cultural da cidade, xa que na última década perdéronse 94 edificios catalogados, o 10% do conxunto; recuperar o uso residencial e a actividade económica; mellorar as condicións de vida e conseguir a integración do ámbito no conxunto da cidade. “A revisión do plan de 1998 era imprescindible para frear esta perda patrimonial, para adecuar o documento ás esixencias e necesidades do século XXI, para incorporalo á lectura urbanística da PXOM moi encamiñada á priorización da rehabilitación e para acompañar a declaración da Torre como Patrimonio da Humanidade”, explicou Fernández Prado.
Tal e como informou, A Coruña conta cun núcleo histórico duns 1.700 edificios dos que o 60% (1093) están catalogados. Así, por exemplo, 35 son edificios monumentais; 108 son edificios de excepcional valor arquitectónico; 285 son edificios de características singulares e de elevado valor arquitectónico; 573 son edificios de características tipológico-compositivas de especial significación arquitectónica e ambiental; e 92 son edificios de interese ambiental no conxunto.
“A aposta pola conservación e a rehabilitación é, sen dúbida, o buque insignia deste documento”, asegurou o concelleiro, quen destacou o importante esforzo que se fixo para permitir que todos e cada un dos edificios e vivendas incluídas no ámbito poidan realizar obras de mellora, solicitar a instalación de ascensores ou pedir subvencións para rehabilitar: “Afinouse moito a redacción para que, mesmo aos 71 edificios volumétricamente desconformes, se lles garanta a súa vida útil”, matizou Fernández Prado, quen avanzou que o PEPRI expón un completo programa de rehabilitación a 12 anos que suporía actuar no 20% do parque edificado, beneficiando a 1.326 vivendas e pondo en uso 519 desocupadas.
Neste sentido, eloxiou ao equipo redactor do PEPRI por ir máis aló dun documento normativo e realizar propostas de actuación que van desde temas de mobilidade a renovación de infraestruturas, mellora de espazos públicos como a regulación dos elementos de mobiliario urbano ou recuperación de solares e edificios baleiros, ademais dun exhaustivo traballo técnico coa análise de todos os edificios do ámbito que contan con fichas completas que facilitarán o traballo tanto aos servizos municipais como aos profesionais.
Fernández Prado destacou que unha das principais novidades do novo PEPRI é a zonificación, a división do ámbito en 6 zonas diferenciadas (Cidade Vella, Pescadería Norte, Pescadería Sur, As Atochas-O Derriba, Ensanche e Áreas Urbanas Renovadas) que dá unha maior flexibilidade ao documento, permitindo tratar cada unha delas segundo as súas singularidades.
Grazas a estas novas achegas, Fernández Prado mostrouse convencido de que o novo documento é o primeiro paso para conseguir a recuperación do uso residencial e a reactivación económica da zona. “A aposta polas subvencións, a regulación de bufardas, sotos e unións funcionais; a flexibilidade na regulación de usos; ou as propostas para modernización de infraestruturas e espazos públicos son algunhas das medidas que nos permitirán impulsar esta zona tanto para usos residenciais como para potencialo como corazón financeiro e de negocios da comarca”. Fernández Prado finalizou explicando que, aínda que o plan non entrará en vigor até principios de 2015, o Goberno local xa empezou a traballar seguindo as liñas xerais do PEPRI con actuacións como a peonalización da Cidade Vella, o centro cívico e a sede da asociación de veciños do centro histórico, o Plan de Murallas ou a creación dunhas subvencións específicas para fachadas e cartelaría.
CARTELARÍA
Dentro do espírito deste equipo de goberno de apostar pola rehabilitación do centro histórico e a zona de Pescadería, o Concello tamén aprobou abrir o prazo para a solicitude de axudas para a reparación de fachadas, retirada de cableado exterior e substitución de cartelaría das zonas do ámbito PEPRI.
En concreto, a nova liña de subvencións enmárcase dentro do perímetro que comprende desde a avenida da Mariña e a rúa Real -desde a Subdelegación do Goberno- até a rúa Rego de Auga e a avenida de Montoto -até Porta Real-. O Concello reserva para estas axudas un total de 80.000 euros e as solicitudes poderanse presentar a partir do día seguinte da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e até o 28 de febreiro do próximo ano.
As obras que se poderán subvencionar son para a pintura e reparación de fachadas exteriores do inmoble (incluída a retirada de cableado) e para a substitución de cartelaría exterior de acordo ao modelo aprobado polo Concello. Para pintar e reparar fachadas, poderase subvencionar até o 80% do custo das obras nos edificios protexidos (cun límite de 24 euros por metro cadrado de fachada e de 50 euros por metro cadrado de galería) e do 60% para o resto de inmobles (as axudas poidan chegar do 85% ao 100% para as rendas inferiores ao IPREM). Para substituír a cartelaría, subvencionarase até o 70% do gasto, cun máximo de 2.000 euros por cartel.
CATRO CAMIÑOS
O Concello da Coruña sacará a concurso o Quiosco Cívico de Catro Camiños, un proxecto que favorecerá a integración do inmoble no parque da praza de José Toubes Pego e, ao mesmo tempo, mellorará os servizos municipais no barrio. Con este acordo de Xunta de Goberno, a área de Servizos Sociais cumpre os prazos comprometidos para a execución desta iniciativa, que conta cun orzamento de 1,43 millóns de euros.
O proxecto do Quiosco Cívico Catro Camiños licítase mediante procedemento aberto por un orzamento de 1.430.551,46 euros e un prazo de execución máximo de 10 meses, co obxectivo de empezar as obras a finais de 2015. Tal e como adiantara o alcalde, Carlos Negreira, a localización elixida para o novo equipamento atópase nas instalacións onde estaba a cafetaría en concesión xunto á fonte de Catro Camiños. Esta localización permite integrar mellor a praza e o parque e ao mesmo tempo dar saída a esta demanda dos veciños.
O novo centro é accesible -mantivéronse reunións con colectivos de discapacitados- e sustentable -coa implantación de sistemas que fomentan o uso de enerxías renovables-, cambiando un vello edificio con problemas estruturais e que era incompatible coa actividade exposta por un inmoble moderno para uso dos veciños. O novo edificio duplicará a superficie útil construída, até alcanzar as 620 metros cadrados, sen xerar impacto visual e integrándose no parque, que ocupa unha superficie de 6.600 metros cadrados.
A fachada á praza de Catro Camiños cambiará de cor, creando unha especie de portada que cambie e sexa reflexo da sociedade (por exemplo, un día de cor rosa contra o cancro de mama). Ademais, elimínase zona pavimentada que existe actualmente no exterior do inmoble por zona verde, polo que a superficie de zona verde incrementarase en 120 metros cadrados.
DOWN CORUÑA
O Concello autorizou o convenio de colaboración coa Asociación Down Coruña polo que o Goberno municipal destina 400.314 euros para o proxecto de construción do centro docente-asistencial que se situará no equipamento público existente nunha parcela municipal en Pedralonga.
O Goberno local cumpre unha vella demanda desta institución fundada no ano 2000 por 19 familias e que xa conta na actualidade con máis de 80. Así, o Concello e a Deputación financiarán as obras do novo local para a asociación, consistentes na construción dun novo edificio e a rehabilitación do xa existente. O orzamento destes traballos ascende a 800.628 euros, financiados ao 50% entre ambas as administracións.
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, xa asinou un primeiro convenio coa entidade social para a concesión demanial gratuíta, por parte do Concello, do antigo colexio público de Pedralonga a favor da Asociación Down Coruña para garantir a prestación de servizos asistenciais a persoas que presenten esta síndrome. Esta concesión gratuíta é por 75 anos. O novo centro, cunha parcela de case 2.000 metros cadrados, contará con dúas plantas. As obras, cun prazo de execución dun ano, incluirán a rehabilitación de 300 metros cadrados do actual edificio e a construción doutros 500 metros, resultando un edificio de 800 metros cadrados construídos.
O novo centro de Pedralonga contará ademais cun espazo para uso veciñal, cumprindo cunha vella demanda neste barrio e pondo en marcha unha nova forma de entender o espazo, baseada en tres principios básicos: convivencia, diálogo e colaboración entre administracións.
SAN PEDRO DE VISMA
A Xunta de Goberno Local avanzou no proxecto para converter A Coruña na casa do fútbol galego coa aprobación da licenza para a construción da nova sede da Federación Galega de Fútbol en San Pedro de Visma e dunha expropiación para mellorar os accesos ao barrio e ao futuro complexo deportivo, que inclúe tamén dous novos campos de fútbol que atenderán a forte demanda existente na cidade, con máis de 5.000 nenos que xogan ao fútbol.
O edificio, composto de tres plantas (semisótano, baixo e primeira planta), ocupará unha superficie de 3.246 metros cadrados, aos que se suman 505 máis para aparcadoiro exterior dentro da parcela. Cun orzamento de construción previsto pola Federación Galega de Fútbol de 2,079 millóns de euros, a obra ten un prazo máximo de execución de 3 anos.
Na Xunta de Goberno deuse o visto e prace a un segundo expediente relacionado con este proxecto e co barrio de Visma. Así, apróbase de maneira inicial a expropiación dos terreos necesarios (39 metros cadrados) para executar o proxecto de ampliación da rúa do Río. Tras sacar a concurso as obras de reurbanización das rúas San Pedro de Visma e do Río, o Concello recibiu 15 propostas para este proxecto que suporá a renovación total de pavimentos e dos servizos urbanos, entre os que destaca a nova rede de recollida de pluviais. Cun orzamento de licitación de 525.310 euros, o prazo de execución é de 8 meses.
No barrio de San Pedro de Visma e arredores está a realizarse un impulso definitivo grazas a un investimento final que rolda os 12 millóns de euros. Á recente inauguración da nova sede de Pai Rubinos, engádese a reurbanización das rúas San Pedro de Visma e do Río; a creación dun novo viario entre a rolda de Outeiro e a rúa Loureiro; as obras de urbanización do acceso norte aos campos de fútbol; a execución dun gran parque que levará o nome de Adolfo Suárez e a construción de dous campos de fútbol e a futura sede da Federación Galega de Fútbol. En total, 100.000 metros cadrados para o uso e goce dos cidadáns, con especial atención aos veciños de Visma, Labañou, Agra do Orzán e Os Rosales.
CASA PAREDES
A Xunta de Goberno deu o visto e prace á proposta da área de Vivenda e Rehabilitación de presentarse á convocatoria do Ministerio de Fomento para o Programa 1,5% Cultural e, desta maneira, financiar os traballos de reforma do edificio de Casa Paredes, catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC).
O investimento necesario para a rehabilitación de Casa Paredes -no número 18 da avenida da Mariña, onde se sitúan os servizos municipais de Cultura- ascende a 300.000 euros. O Concello solicitará a Fomento unha subvención de 225.000 euros (o 75% do custo final do proxecto), pois o resto do investimento (75.000 euros) prevese achegar a través de fondos municipais.
A intervención municipal para a rehabilitación da Casa Paredes inclúe a limpeza da pedra da fachada, a súa recuperación e tratamento con elementos de protección, reposición de elementos de forxa e substitución da carpintaría máis exterior. Ademais de aprobar a solicitude desta axuda ao Ministerio de Fomento e o compromiso municipal de achegar 75.000 euros, o Concello comprométese a destinar o inmoble a uso público durante polo menos 50 anos.
LICENZAS URBANÍSTICAS E SENTENZAS
A Xunta de Goberno concedeu esta mañá licencias urbanísticas que suporán un investimento na cidade de 3,3 millóns de euros, o que eleva a cantidade desde o inicio do mandato até os 319 millóns de euros. Entre os permisos autorizados atópanse os expedientes para a instalación de dous ascensores en edificios das rúas Castrillón (onde tamén se reformará o portal e as escaleiras) e Julia Minguillón, ademais da baixada a cota cero e substitución dun elevador nun inmoble na avenida da Pasaxe.
O Concello tamén ratificou a aprobación definitiva do proxecto de compensación de San Amaro tras resolver os sete recursos presentados ao acordo alcanzado na Xunta de Goberno do pasado 7 de febreiro. Este proxecto de compensación comprende desde o cemiterio municipal até a baixada a Adormideras, á altura do Club do Mar. Dos 28.409 metros cadrados de chan deste ámbito, o 84% da superficie (23.984 metros cadrados) é para dotacións públicas, tanto viarias como zonas verdes, mentres que o 16% restante é para edificacións (4.425 metros cadrados). O proxecto permitirá completar as mazás inacabadas das rúas San Pedro e San Amaro, rexenerar a zona con novos espazos libres urbanizados e mellorar a imaxe da cidade ao completar a fachada do paseo marítimo.
A Xunta de Goberno Local tomou coñecemento da decisión do Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 da Coruña na que dá a razón ao Concello e desestima o recurso presentado pola xunta de persoal contra a modificación puntual da relación de postos de traballo (RPT).
TARIFAS DE BUSES E TAXIS
A Xunta de Goberno tamén aprobou a conxelación do prezo de bus urbano en todas as súas modalidades para 2015, polo que se manterán as tarifas que existen este ano para o bonobús xeral, social e universitario e para o billete ordinario. Desta maneira, o prezo do billete ordinario seguirá custando 1,30 euros, mentres que o bonobús xeral queda en 0,85 euros (o Concello asume 0,45 euros, o 35% do prezo viaxe do usuario); o bonobús social, en 0,33 euros (o Goberno local asume o 75%, é dicir, 97 céntimos); e o bonobús universitario, en 0,30 euros (o Concello abona 0,52 euros por billete e a Universidade, 0,48).
O prezo do billete e do bonobús ordinario na Coruña atópase por baixo da media estatal, mentres que o bonobús social é dos máis baratos de España (33 céntimos de euro); unha situación que se consolidará en 2015 coa conxelación do prezo do bus urbano. Así, o prezo do bonobús social mantense conxelado desde o 1 de xaneiro de 2013. Agora, as tarifas aprobadas para 2015 remitiranse á Comisión de Prezos da Consellería de Economía e Industria para a súa visto e prace definitivo.
A Xunta de Goberno Local tamén aprobou os prezos para o próximo ano do servizo de taxi, cun incremento do 2%. Así, a baixada de bandeira da tarifa diúrna custará 3,90 euros, mentres que na tarifa nocturna será de 4,40 euros.











