publicidade hoxe

O Concello da Cañiza convoca o seu III Concurso de Carrozas dotado con 1800 euros en premios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Cañiza
A-
A+

A Concellaría de Cultura do Concello da Cañiza convoca o III Concurso de Carrozas participantes na Cabalgata de Reyes de 2015, no que poderán participar todos os veciños, grupos ou entidades que o desexen, nunha única categoría, que incluirá ás carrozas participantes na Cabalgata de Reyes, excepto persoas ou entidades cuxa actividade empresarial ou profesional sexa o deseño e elaboración de carrozas.

A contía económica do concurso ascende a 1800 euros repartidos nun primeiro premio dotado de 900 €uros, un segundo premio con 600 € e un terceiro premio estimado en 300 €uros.

Valoraranse as carrozas mellor decoradas, a orixinalidade, vestimenta de cada colectivo ou outro elemento que o mellore (son, iluminación, etc).

As carrozas participantes comprométense a formar parte da Cabalgata de Reyes , que se relizará o día 5 de xaneiro de 2015 polas rúas da vila. Todas as carrozas deberán estar no lugar que se designe como inicio da Cabalgata, á hora que estableza a Concellaría de Cultura e asumirán as indicacións que durante o percorrido transmítalles o persoal de seguridade. A organización resérvase o dereito de establecer a orde coa que desfilarán as carrozas.

As inscricións pódense realizar na Biblioteca Pública Municipal da Cañiza, sita na Rúa Progreso até o 15 de decembro de 2014, en horario de luns a venres: de 10 a 13h e de 16:30 a 20 h. e os Sábados de 10 a 14 presentando cuberto o formulario que se pode recoller na mesma biblioteca.

Para realizar a inscrición é obrigatorio presentar o carné de conducir do condutor e unha declaración xurada onde cada representante faise responsable dos posibles danos que se poidan orixinar, tanto aos membros de cada carroza como a terceiros, durante o desenvolvemento da actividade e durante a Cabalgata.

Será requisito imprescindible para entrar en concurso que as carrozas sexan realizadas polos participantes. A temática das carrozas debe ter relación co mundo infantil ou o Nadal, non permitíndose publicidade en ningunha delas, fóra de asociacións ou colectivos sen ánimo de lucro.

Os materiais que se poden empregar nas carrozas, así como as dimensións das mesmas, serán de libre elección dos participantes, pero sempre dentro dos seguintes parámetros: plataforma ou base da carroza, máximo 6 metros; Anchura, máximo 2,60 metros; Altura máxima, 4 metros.

Todas as carrozas participantes recibirán unha subvención de 150 €uros, debendo xustificar esta cantidade por medio de facturas (as cales terán que presentarse antes do 19 de decembro de 2014, no Rexistro Xeral do Concello). Nas mesmas deben constar o nome da asociación ou grupo, o seu representante e DNI, detallando a compra realizada. No caso de asociacións co nome da mesma e o CIF. Non se admiten tickets, só facturas.

O Xurado estará formado por persoa delegada pola Alcaldía, Concelleira de Cultura ou persoa en quen delegue, Técnico de cultura e un representante dos artistas locais. A Concellaría de cultura resérvase o dereito de elaborar os criterios e sistemas de cualificación que oportunamente se darán a coñecer aos membros do xurado, así como a facer modificacións e tomar iniciativas non reguladas nestas bases, sempre que contribúan ao mellor desenvolvemento do concurso.

10 de decembro de 2014 | 12:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.