O Centro de Interpretación Ambiental de Compostela programa un obradoiro de fabricación de xoguetes
Este mes de decembro, na sala de exposicións temporais do Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC) rematará a exposición de fotografía InvestigaArte e abrirase a mostra Galicia, biodiversidade enmarcada no Ciclo Biodiversidade na cidade, dentro da cal se realizará o relatorio Algúns dos mamíferos que habitan na contorna de Compostela. E xa en datas de Nadal, haberá un obradoiro de fabricación de xoguetes con materiais de refugallo e un roteiro polas Brañas do Sar. A exposición das fotografías do concurso fotográfico InvestigArte 2013/2014, organizado por un colectivo de novos investigadores e científicos da USC e apoiado por EducaBarrié, USC e Fundación Ramón Domínguez, estará aberta no CIAC ata o domingo 14 de decembro. Logo, dende o 27 de decembro e ata o 1 de febreiro, tomará o relevo a mostra Galicia, biodiversidade, cedida polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA). Chega ao CIAC no marco do ciclo de relatorios e exposicións, organizado polo propio centro, Biodiversidade na cidade, que deu comezo no mes de outubro.
As exposicións poden visitarse libremente todos os sábados, domingos e festivos no horario de apertura do CIAC, de 10:30 a 14:00 e de 16:30 a 19:00 horas. De mércores a venres, de 9:00 a 14:00 horas, poden realizarse visitas guiadas para grupos de 10 a 30 persoas, previa reserva no número de teléfono 981 543 145.
Ademais,o CIAC organiza o sábado 13 de decembro, de 17:00 a 18:30 horas, o relatorio Algúns dos mamíferos que habitan na contorna de Compostela, incluído tamén no ciclo Biodiversidade na cidade. Desta vez será o biólogo e membro do Grupo de Estudo dos Animais Salvaxes (GEAS) Xosé Pardavilas o que achegará aos asistentes interesante información sobre mamíferos que habitan na cidade, tan próximos a nós e tan descoñecidos.
O domingo 21 de decembro, de 12:00 a 13:30 horas, obradoiro Fabricación de xoguetes con materiais de refugallo, destinado a cativas e cativos de 6 a 10 anos acompañados dun adulto. Un obradoiro moi práctico, económico e ecolóxico.
Tamén seguen en decembro os roteiros. Nesta ocasión, o sábado 27 de decembro, de 12:00 a 13:30 horas, farase un roteiro interpretativo polas Brañas do Sar. Durante o percorrido poderanse descubrir moitos dos valores naturais, dos usos tradicionais e dos segredos que garda este espazo tan descoñecido da cidade.
Todas as actividades ofertadas son de balde, pero dado o aforo limitado é preciso inscribirse. Para solicitarse máis información pode escribirse á dirección electrónica ciac@santiagodecompostela.org ou chamar ao 981 543 145.











