O Celta actuará con rigor para evitar calquera comportamento que cause prexuízo ao club
Comeza unha nova etapa no fútbol coa inminente entrada en vigor dunha normativa contra a violencia física e verbal. O Real Club Celta quere deixar patente que actuará con rigor para evitar calquera comportamento que cause prexuízo ao club, unha inquietude e un obxectivo que sen ningunha dúbida comparte co celtismo, até a data sempre exemplar na defensa dos intereses tanto do equipo como da entidade, cun apoio tan incondicional como intachable.
O Real Club Celta quere agradecer o alento e comportamento da súa afección nos últimos anos, non só no Estadio de Balaídos, senón en cada un dos seus desprazamentos. O club pode presumir de dispor dunha afección magnífica, cuxa actitude é modélica e o seu incesante apoio vital na consecución dos obxectivos deportivos.
En calquera caso, o Real Club Celta velará, sen ningunha dúbida co apoio e a colaboración do celtismo, polo cumprimento das normas para evitar sancións que causen prexuízo á entidade. O club confía plenamente en que nesta nova etapa, que en Vigo comezará o día 16 de decembro co partido de Copa do Rei ante As Palmas, a afección celeste estará á altura, como sempre fixo, e será de novo un exemplo para todos.











