O CCA Estrela de Marín apoia ás empresas do porto afectadas pola sentenza do Supremo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMarín
A-
A+

A directiva do CCA Estrela de Marín, mediante este comunicado quere mostrar o seu apoio ás empresas do Porto e aos traballadores das mesmas, afectadas pola sentenza do Supremo que declarou ilegais 30 hectáreas dos recheos do Porto. Dende o CCA Estrela de Marín, consideramos que de executarse a sentenza provocaría uns efectos “catastróficos” para a noso concello, tanto a nivel social coma económico, polo que instamos ao TSXG a que declare a sentenza como inexecutable. Por outra banda, lamentamos que non se contase co noso colectivo, para formar parte da Plataforma que se creou en “Defensa de Marín e do Porto”, xa que somos a asociación de comerciantes representativa do noso Concello, considerados pola Xunta de Galicia coma un dos 52 Centros Comercias Abertos existentes na comunidade.

Ademais de desempeñar na actualidade, a presidencia da Federación Galega de Centros Comerciais Abertos e Zonas Comerciais Urbanas e de ser convidados a formar parte da COCAHI (Confederación de Cascos Históricos de España). Por último, pensamos que as administracións teñen que apostar por aquelas asociacións que realmente representan o comercio tradicional, aquelas que contan cunha xestión profesionalizada, cun horario de atención ao público, cunha sede social, cun programa de actividades de dinamización comercial consolidado, cunha imaxe de marca, aquelas que aposten pola profesionalización do sector e que por exemplo, cada catro anos elixan os seus órganos de goberno de xeito democrático; xa que estes cargos non se herdan pola “Graza de Deus” nin tan sequera sería condición indispensable nin suficiente, a de contar cunha “capa”.

3 de decembro de 2014 | 12:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.