O Carteiro Real visita Verín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

O venres 26 de decembro, a praza do Concello de Verín acollerá a Visita do Carteiro Real aos/ás nenos/as do municipio. Desde ás 16.30 horas realizaranse obradoiros de globoflexia, maquillaxe infantil ou malabar, así coma inchables para todos/as menores asistentes a esta actividade de Nadal, e a partir das 19 horas está prevista a chegada do Carteiro Real para recoller as peticións de todos os nenos e nenas de Verín. En caso de inclemencias meteorolóxicas esta actividade, que se realiza por sexto ano consecutivo, trasládase ao Pavillón Municipal de Deportes.

Esta iniciativa lúdica está organizada polo Concello de Verín e AEVER (Asociación de Empresarios de Verín), ao igual que o Espectáculo Musical Show ‘Non temos medo’, que se celebrará o sábado 27 de decembro, ás 18 horas, no Pavillón Municipal de Deportes de Verín. Este espectáculo relata a historia do neno Xacinto que, tras escoitar decenas de contos de monstros, buscaba atoparse cun deles para demostrar que son malos e que son eles os que teñen medo aos humanos. Aventureiro, e cansado de percorrer a súa aldea na busca dun monstro, partiu polo mundo co único obxectivo de documentar e catalogar a todos os monstros que existisen na terra, no mar ou que voasen polo aire. Con todo, o Espectáculo Musical Show ‘Non temos medo’ contará cun apartado solidario, xa que a entrada para acceder ao mesmo será a entrega dun donativo para Valeria de Dios, unha pequena verinense de catro anos que padece unha ataxia cerebelosa non filiada (para isto colocarase unha urna na instalación deportiva e o recadado será entregado para o tratamento de rehabilitación neurolóxica da menor).

Tamén no marco da programación de Nadal, e ata o día 07 de xaneiro, o Concello de Verín e a Asociación de Empresarios de Verín (AEVER-CCU Verín) promoven a sétima edición de ‘Ludonadal’, unha ludoteca destinada a estas datas e dirixida a nenos/as con idades comprendidas entre os 3 e 10 anos, co obxecto de promocionar económicamente o comercio tradicional na localidade, facilitar a conciliación dos pais e nais e proporcionar aos/ás nenos/as un espazo de lecer durante as vacacións de Nadal. Realízase centro infantil do CEIP Amaro Refojo de luns a sábado, de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Para poder acceder a esta actividade, na que varios/as monitores/as encargaranse da dinamización da mesma, será necesario entregar o ticket da compra, á hora de recoller ao menor, e que xustifique a realización de compras nalgún dos establecementos integrados en AEVER; ou ben a través do abono do mesmo -o prezo por utilizar este servizo, durante todos os días e horas, é de 20 euros, se só se acude de mañás ou tardes, o prezo do servizo sería de 10 euros; e se se prefire abonar por día utilizado sería de 5 euros (día completo) ou de 2,50 euros (medio día)-.

Ademais, e ata o 05 de xaneiro a Sala de Exposicións de Verín acolle a mostra ‘O Nadal nas Artes’, organizada pola Escola de Artes e Oficios de Verín, e con obras realizadas por arredor de 150 alumnos deste centro co Nadal como tema central. O Nadal nas Artes’ transmite unha visión plural da evocación natalicia nas artes plásticas, con obras feitas por persoas de idades comprendidas entre os 6 e os 80 anos. Tamén serve para dar a coñecer a liña pedagóxica da Escola de Artes e Oficios de Verín, xa que arredor do 75 % do alumnado implicouse activamente nesta mostra, nunha experiencia que cualifican como moi positiva, tanto o profesorado como o alumnado participante. Esta exposición poderá visitarse de luns a sábado das 10 ás 14 e das 17 ás 19.30 horas.

23 de decembro de 2014 | 18:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.