O CAI Zaragoza prolonga a maldición do Rio Natura Monbus Obradoiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+
Encontro CAI Zaragoza - Obradoiro

Encontro CAI Zaragoza – Obradoiro

O CAI Zaragoza non deu opción ao Rio Natura Monbus Obradoiro no pavillón Príncipe Felipe (82-74). O equipo santiagués, lastrado pola baixa de Pavel Pumprla – que non puido adestrar nos días previos ao partido por unha lumbalxia aguda – e a lesión de Maxi Kleber, aguantou 10 minutos, veu abaixo cun incontestable parcial de 18-0 dos maños pero ameazou coa remontada encomendándose ás súas cañoneros, moi atinados sobre todo no terceiro cuarto.

Foi clave o rebote ofensivo, especialmente durante o inicio da contenda. Sete capturas dos locais no primeiro cuarto impediron o despegamento galego, acertado cos triplos de Alberto Corbacho. Destacou Pedro Llompart, tan organizador como anotador (8 puntos e outras tantas asistencias), e o traballo de Henk Norel, que se faixou debaixo de canastra e regalou tres segundas oportunidades ao combinado que vestiu de vermello. Por aquel entón o partido estaba a ser moi igualado, intenso e con accións moi traballadas tanto do CAI como do Rio Natura Monbus para sumar puntos (21-16).

O segundo cuarto foi nefasto para os intereses do Rio Natura Monbus Obradoiro. Catro puntos consecutivos de Kevin Lisch e un desafortunado golpe Pepe Pozas nos primeiros 25 segundos desconectaron do encontro ao Rio Natura. Marcus Landry non tivo piedade e deu un repertorio de recursos ofensivos. Anotou tras rebote ofensivo, tamén despois dun delicioso rectificado no aire e puxo en pé ao Príncipe Felipe colgándose do aro nun alley-oop con Llompart. O Obradoiro, retórico na circulación, con demasiados botes pero sen profundidade, atopou canastra desde a liña de tiros libres cos acertos dun activo Adam Waczynski, despois de case cinco minutos do segundo acto. No posterior intercambio de golpes foi algo máis consistente o Zaragoza, que ampliou a marxe até os 18 puntos (45-27).

A segunda metade trouxo dúas noticias para o Rio Natura Monbus: volveu Pepe Pozas, recuperado do susto no bíceps femoral pero caeu Kleber, que se resentiu das súas doenzas no nocello. Apertaron liñas os galegos e o CAI só puido engadir puntos desde a liña de persoal. O equipo máis certeiro do campionato en tiros libres apenas fallou, impedindo que o Obradoiro terminase de certificar a remontada. E é que cando máis aciago parecía o panorama, desatáronse os cañoneros galegos: Waczynski cravou tres triplos para un total de 13 puntos no terceiro acto, Corbacho enchufou dous e un levou a firma de Pepe Pozas. Tremeu a afección maña, que viu como en varias ocasións o Rio Natura Monbus rompeu a barreira dos dez puntos, pero Rasko Katic, MVP do encontro con 15 puntos e 19 de valoración, e Robinson, facendo dano na pintura, deron algo de osíxeno ao combinado adestrado por Joaquín Ruiz (64-51).

A presión caísta nas primeiras accións do capítulo definitivo provocaron perdas santiaguesas. Con todo, seguiu sen perderlle a cara ao choque o Rio Natura Monbus, grazas ao acerto dun Alberto Corbacho que cadrou unha actuación moi destacada, sendo máximo anotador con 24 tantos, e a entrega de Keaton Nankivil.

Os triplos de Goulding e Landry obrigaron a claudicar ao Obradoiro, extenuado tras un esforzo encomiable, lastrado pola baixa de Pavel e os infortunios durante o encontro con Pozas e Kleber. Sen deixarse ir, anotou Nankivil e reduciu distancias Corbacho, para pechar o encontro oito puntos por baixo dun gran CAI Zaragoza.

Caeu o Rio Natura Monbus nunha pista que segue sendo inexpugnable, pero deixou boas sensacións o conxunto do recentemente renovado Moncho Fernández que pensa xa no “partido solidario” da próxima xornada que o enfrontará ao Tuenti Móbil Estudantes no Fontes do Sar (sábado, 20:00 h –  non televisado).

6 de decembro de 2014 | 22:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.