O Burela FS suma á súa vitrina o Torneo Cidade de Narón Futsal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBurelaDeportes
A-
A+

O CD Burela FS Peixes Rubén despide o seu brillante 2014 con vitoria no Torneo Cidade de Narón Futsal 2014. O conxunto de Juanlu venceu onte por 0-3 ao conxunto local na Gándara, con toque goleador na primeira parte, de Renato, Carlitos e Matamoros.

O prometedor xuvenil Renato inaugurou o marcador no minuto 5, tras un contragolpe e xerando un dous contra un que non puido resolver Nico. A intensidade imposta polos da Mariña fíxose dona do partido. Así, no minuto 17, Carlitos aproveitou o rexeitamento do meta local a un lanzamento de Matamoros; o canteirán subiu o 0-2 desde o bordo do área cun tiro raso. O terceiro chegou segundos despois, de Matamoros tras unha perda de balón.

Con 0-3, tras o descanso, o conxunto laranxa tomou as cousas con máis calma, aínda que sen perder o control da situación. As escasas chegadas dos locais, en contraataque, apenas xeraron perigo para a portería burelista, compartida por Edu e Álex.

O cocapitán do CD Burela FS Edu recibiu de mans da concelleira de Deportes de Narón, Natalia Hermida, o trofeo de campión da primeira edición da cita da súa terra natal.

29 de decembro de 2014 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.