O BNG ve a toda a “orquestra” do Partido Popular de Ourense imputada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+
Europa Press

O voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, advertiu, tras o último auto da xuíza que instrúe a ‘Operación Pokémon’, que en Ourense “non é que haxa un trombón solitario corrupto, senón que toda a orquestra do PP está citada como imputada neste proceso”.

Neste sentido, pediu explicacións ao presidente do PP galego e da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a quen avisou de que o seu “silencio palmario” unicamente o “inculpa” en todos os casos que se están a coñecer, a xuízo do líder nacionalista.

A preguntas dos medios, Xavier Vence indicou que as informacións que se viñan coñecendo eran “suficientemente graves e alarmantes”, pero as acusacións que “están enriba da mesa neste proceso baseándose na información do exxerente do PP na provincia, a persoa que levou a xestión económica do partido nas últimas dúas décadas, é escandalosa”.

“Non é que haxa un trombón solitario, senón que o que vemos é que toda a orquestra do PP está citada como imputada neste proceso e, ademais, poñendo á vista de todo o mundo esa relación corrupta do PP con empresas”, sinalou, ao ironizar co instrumento que José Luis Baltar tocaba á vez que pedía o voto na provincia de Ourense.

Para Vence, trátase dunha situación “tremendamente grave”, máis aínda pola “imputación colectiva”, por o que “é hora de que Feijóo tome cartas no asunto, se é que quere manter a imaxe de que o PP quere facer algo en serio contra a corrupción”.

17 de decembro de 2014 | 19:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.