O BNG valora a adxudicación da nova furgoneta a Citroën Vigo pero pide outro tipo de política industrial

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Vigo ▼
A-
A+
Europa Press

O voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, valorou este luns a adxudicación á planta viguesa de PSA Peugeot Citroën do novo modelo de furgoneta, coñecido como proxecto K9, se ben advertiu de que Galicia precisa doutro “tipo de política industrial”.

Manifestouno, nunha rolda de prensa, despois de transcender que a dirección da fábrica confirmou que o Comité Executivo de PSA Peugeot Citroën adxudicou a Vigo este modelo, que no futuro se inscribirá na gama de vehículos ultralixeiros do Grupo, e empezará a fabricarse a partir de 2017.

“É a primeira noticia que temos en moito tempo para o sector industrial, porque parece que a produción da planta de Citroën vai continuar a pleno rendemento con esa nova furgoneta, así que non podemos máis que avalialo positivamente”, sinalou Vence, preguntado ao respecto.

En todo caso, manifestou a súa convicción de que Galicia necesita doutro “tipo de política industrial” para que o resto de industria da comunidade “se recupere”.

Ao respecto, recordou que Galicia rexistrou o “peor dato” de produción industrial de todo o Estado en 2014, cunha caída do 7%, polo que, ao seu xuízo, “son necesarias outro tipo de medidas” para que o resto da industria recupere a actividade e recupere o emprego”. “E unha delas é cambiar a política eléctrica”, apostilou.

15 de decembro de 2014 | 16:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.