O Auditorio Municipal de Ourense encherase de solidariedade na II Gala Benéfica contra o cancro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

Este venres 12 de decembro ás 10.00h no Hotel NH Ourense (Rúa Celso Emilio Ferreiro, 24) terá lugar a conferencia de prensa de presentación da II Gala Benéfica contra o cancro en Ourense. A presentación correrá a cargo de David Rodríguez, presidente da Asociación Cultural Xuvenil As Canellas, María Isidora Gómez, Presidenta da Asociación Española contra o Cancro Ourense e Rubén Riós, coorganizador e presentador da gala por segunda vez. Os organizadores realizarán lectura do programa cultural que se ofrecerá no evento, así como explicarán os motivos que os levaron a organizar unha segunda edición trala excelente acollida do ano pasado. “A resposta da cidade encheunos de emoción e ledicia” afirma David Rodríguez.

Este ano, o cartel presenta novas caras: os mestres de cerimonias da gala serán a actriz Isabel Risco (recentemente Premio Mestre Mateo á mellor actriz) e o actor ourensán Rubén Riós, organizador do evento a través do programa de responsabilidade social da súa produtora, Claqueta Coqueta. Eles serán os encargados de dar paso, co seu característico sentido do humor, a un conxunto de actuacións musicais que amenizarán a velada no Auditorio: Rosa Cedrón, a voz durante nove anos do mítico grupo Luar na Lubre, agora en carreira en solitario, que compartirá grandes clásicos e temas do seu novo disco, ao igual que o compositor santiagués Luis Emilio Batallán, que chega a Ourense cun novo disco baixo o brazo; “Había que chegar”. No apartado musical, Gustavo Almeida, cantautor brasileiro afincado en Pontevedra presentará temas do seu novo disco: “Desde el coche”. O toque de baile e danza da gala correrá a cargo dos grupos Meigas Tribal (danzas tribais inspiradas en Oriente Medio) e Feel That Crew (danza moderna influenciada polos estilos rap e hip-hop) pertencentes a Bayamo Estudio de Baile.

As entradas xa están a venda en diferentes puntos da cidade ourensá: Casa Toñita, Matiz Instrumentos Musicais, Panadería Seixalvo Roberto, Café Latorta Ourense, Bayamo Escola de Baile, Prink Ourense, Sequesport, Lobisome, Bar O Gaiteiro, Teresa Fontao, Starbar Ourense, Bar Pintas, Motorcycles Shop Ourense, La Huerta Frutería A Valenza, Despacho de Voluntariado do CHUO (Complexo Hospitalario Universitario de Ourense), Umbela, Tienda Aceites José Galán, Cafetería Isaac, Agencia Luena, Librería Puga, Olea Floristería, Trampitán Ourense, Mercería Musko, Peluquería Gallego Estilistas, Quique Martínez estilista, Marquesitos Zapatos e a Sede da AECC (Asociación Española contra o cancro) en Ourense.

As entradas están a un prezo de 5 € (venda anticipada) e 8 € (venda en billeteira)

9 de decembro de 2014 | 11:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.