O artista gráfico Juanlu Fernández expón na galería da Casa do Concello de San Sadurniño
Juan Luís Fernández achéganos durante este mes unha mostra das súas ilustracións nas que impera a forza visual da cor e de liñas que semellan debuxadas a man alzada. Moitas delas son deseños feitos por encarga e outras son exercicios de estilo que dan conta do seu bo facer e do seu particular xeito de representar a realidade, a medio camiño entre o figurativo e o abstracto. A exposición estará aberta ata o día 31 e pode visitarse de luns a sábado polas mañás.
Juanlu Fernández é un deseñador de renome na comarca responsable de ducias de carteis aos que sempre lles imprime un estilo recoñecible. Últimamente deulle por experimentar con técnicas que nos lembran ás empregadas por Antonio Fernández-Coca ou Javier Mariscal, caracterizadas por liñas que se enguedellan coma a lá dun novelo, coma o fío dun pastor que torna das cores sen deixalas escapar.
A virtude de Fernández, ademais da pureza técnica, é a de facer próximo este estilo plasmando con el o recoñecible: Ferrole visto desde o mar, o home orquestra César Freiría -Cé Orquestra Pantasma, unha zanfona ou unha Gioconda con aire galego son algúns dos motivos que Juanlu describe a base de raias que semellan anárquicas pero que, porén, seguen un camiño preciso e moi meditado.
A exposición que se pode ver na galería do Concello ata fin de mes está composta por unha vintena de láminas de distintos tamaños. Son impresións dixitais de alta calidade que o autor define como petiscos e lambetadas de cor coas que quere deixarnos bo sabor de boca.











