O alcalde de Vilagarcía insta á oposición a que renuncien a celebrar dous plenos extraordinarios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O alcalde de Vilagarcía, Tomás Fole, instou hoxe aos grupos da oposición (PSOE, BNG e IU) a que presenten un escrito renunciando aos dous plenos extraordinarios que haberá que celebrar durante o mes de xaneiro a causa da súa actitude: o primeiro, para debater as mocións que non foron incluídas na última sesión de decembro, por non ser ordinario; e o segundo, para analizar as alegacións presentadas ao presuposto municipal. Na súa opinión, tanto as mocións coma as alegacións poderían ser incluídas na orde do día do pleno ordinario de xaneiro, de modo que así non sería necesario xerar o gasto da convocatoria de ambas as dúas sesións. “Xa que tiveron o erro de presentar o escrito, que teñan o acerto de retiralo, argumentou o alcalde.

Para Fole Díaz, toda a responsabilidade da convocatoria sucesiva de plenos recae sobre a oposición, posto que os tres grupos eran coñecedores dende o 19 de decembro que tanto as alegacións ao presuposto como ás ordenanzas fiscais serían debatidas nunha sesión extraordinaria o día 26, de modo que así un e outras entrarían en vigor o 1 de xaneiro de 2015.

O alcalde sostén que as tres mocións que a oposición quería debater no pleno de decembro non conteñen ningunha urxencia que impida que poidan ser discutidas no pleno ordinario de xaneiro, incluída a que se refire a un cambio no convenio urbanístico de Lantero.

Tomás Fole critica, do mesmo modo, o acontecido coas alegacións ao presuposto. Recorda que Fajardo as presentou dende o Parlamento de Galicia, a sabendas da cal non chegarían a tempo para o pleno: “Está visto que prefire ser deputado que concelleiro da súa cidade”, subliñou. E algo parecido aconteceu coas reclamacións de UGT: “Todos os asinantes son traballadores municipais e das oficinas municipais, malia o cal optaron por presentar o seu escrito por correo e dende Vigo, o que demostra premeditación, aleivosía e mala fe”.

30 de decembro de 2014 | 17:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.