O alcalde de Vigo cre que sen a cesión de chan a PSA non habería nova furgoneta
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, trasladou este luns a súa “felicitación” á dirección e traballadores da planta de PSA Peugeot Citroën na cidade, tras coñecerse a adxudicación da nova furgoneta, e subliñou que, se o Concello non puxese a disposición da factoría 5.000 metros cadrados para ampliar instalacións, “non habería nova furgoneta”.
Nunha rolda de prensa, o rexedor mostrouse “encantado” por esa adxudicación que, ao seu xuízo, supón garantir “30 anos máis de vida” á planta de Balaídos e á industria auxiliar de Vigo e bisbarra, o que supoñen 24.000 empregos.
Pero, ademais da felicitación á planta e aos empregados, Caballero apuntou que a noticia deste luns supón a “constatación” de que “a decisión clave” foi a de poñer a disposición da fábrica 5.000 metros cadrados. “Sen esa ampliación, garantida e auspiciada polo Concello, non habería nova furgoneta”, concluíu.
Así, o alcalde apuntou que a fabricación dun novo modelo en Vigo foi gañada “a pulso” pola factoría “coa súa produtividade, o seu bo facer, a súa capacidade e a súa organización”, e coa garantía municipal de novos terreos.
“O alcalde está encantado, é o mellor regalo de Nadal que poderiamos ter na cidade”, subliñou Caballero, que prometeu o “apoio” do Concello ao desenvolvemento do novo proxecto.
XESTIÓN DE FEIJÓO
Pola súa parte, o voceiro do grupo municipal do PP, José Manuel Figueroa, destacou a “altura de miras” dos empregados, aos que atribuíu este éxito, así como á “importante xestión” do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que mostra “o seu compromiso con Vigo e cos vigueses”.
“Agora seguramente virán outros a colgarse a medalla, cando non fixeron absolutamente nada”, ironizou Figueroa, quen recalcou que a adxudicación do proxecto K9 é o resultado dun traballo conxunto, no que todas as partes remaron na mesma dirección.
“PRECARIEDADE”
Pola súa banda, o BNG tamén valorou como “unha boa noticia” a adxudicación da nova furgoneta, aínda que lamentou que esa noticia chegase despois de “moito tempo mareando a perdiz”, e “rodeada doutras noticias negativas”.
Así, o candidato do BNG ás próximas municipais, Serafín Otero, recordou que, aínda que o novo modelo significará que se manterá a actividade na planta viguesa de PSA e que haberá “certa riqueza” para Vigo e bisbarra, esta adxudicación chegou tras a implantación de medidas de recorte que afondan na “precariedade” do equipo desta fábrica e do sector de compoñentes.











