O alcalde de Lugo insiste na súa inocencia e di que xa era hora que se abrise a parte do sumario sobre él
O alcalde de Lugo, o socialista Xosé López Orozco, volveu proclamar a súa “inocencia” fronte ás imputacións que pesan sobre el na Operación Pokémon, que investiga unha suposta trama de pagamentos de empresas a políticos para obter concesións de servizos públicos e renovalas ao longo dos anos.
Unhas horas antes de que as partes coñezan as investigacións desenvolvidas sobre o alcalde de Lugo, unha vez que a xuíza Pilar de Lara levantou o segredo sobre as actuacións relativas a Orozco por orde da Audiencia Provincial, Orozco dixo que “ía sendo hora”. “Levo dous anos e penso que xa ía sendo hora”, afirmou.
Transcorridos dous anos dende que foi imputado na maior operación xudicial contra a corrupción desenvolvida en Galicia, Orozco insistiu en que é “inocente”. “Polo tanto, iso vai resplandecer”, agregou.
O rexedor lucense, quen xa confirmou a súa intención de optar á reelección nas eleccións municipais do próximo mes de maio, mostrouse confiado en que se levanten as imputacións que pesan sobre el na Operación Pokémon. “É o que espero, desexo e o que me parece que é de xustiza”, concluíu.
“Estou como sempre, facendo o que teño que facer todos os días, traballando no que me marca a axenda e esperando que chegue esa hora, que se entregue ese sumario e os avogados miren o que hai”, afirmou aos medios de comunicación nun acto no mercado municipal.











