O alcalde de Fene visita a obra da Praza Verde de Perlío tras as actuacións para mellorar a súa seguridade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFene
A-
A+
Visita do rexedor á Praza Verde

Visita do rexedor á Praza Verde

O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, realizou esta mañá unha visita de fin de obra á Plaza Verde de Perlío. Neste céntrico punto de encontro fenés, o Concello levou a cabo nas últimas semanas unha intervención coa que buscou en todo momento dous obxectivos: subsanar as deficiencias que arrastra a praza dende a súa inauguración a finais de 2009, especialmente en materia de redes eléctricas, e garantizar a súa seguridade. Os traballos contaron cun orzamento de 17.078,57 euros, dos que 15.000 euros se financiaron co aval que o goberno liderado por Gumersindo Galego retivo á empresa adxudicataria da remodelación costeada polo anterior executivo con cargo ao Fondo Estatal de Inversión Local e un orzamento superior aos 177.000 euros.

A pesar do elevado do investimento, e con apenas dous anos e medio de vida, Gumersindo Galego explicou que ao acceder á Alcaldía observou unha serie de deficiencias na praza que o levou a iniciar un expediente no que o primeiro paso foi reter o aval á firma que executou a intervención. Ese expediente resolveuse dous anos despois, neste verán de 2014. Aínda así, xa en 2012 o Concello ordenaba anular a electricidade na praza –porque, entre outros factores, non había toma de terra- e co ánimo de evitar males maiores. De feito, pouco tempo antes, rexistrábase un incidente no que un can recibía unha descarga eléctrica.

Unha vez rematado o expediente, e coa garantía de dispor do aval, o alcalde explicaba que decidía programar para outubro o inicio das obras. A intención era minimizar o impacto nos negocios hosteleiros do entorno e tamén no uso de nenos e familias nos meses de verán. Cun prazo de execución dun mes, as adversas condicións meteorolóxicas provocaron paróns nos traballos e, ao final, ese prazo inicial prolongouse en algo máis de 20 días.

Pero ¿en que consistiron os traballos? Gumersindo Galego sinalou que tentaron dar resposta ás deficiencias constatadas nun informe pericial encargado ao efecto. Para iso, reparáronse as fisuras e roturas no pavimento; amañáronse as luminarias do chan; solucionouse o afundimento dos alcorques; reparouse o pavimento do parque infantil e tamén corrixíronse os problemas eléctricos.

Así mesmo, e dacordo co gremio dos taxistas, trasladouse a parada a uns metros. Deste xeito, reforzase tamén a seguridade dos nenos e nenas que disfrutan do parque.

12 de decembro de 2014 | 18:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.