O alcalde de Fene preside a entrega de premios do concurso “Ciencia contada e debuxada”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFene
A-
A+
Entrega de premios

Entrega de premios

O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, presidiu esta mañá o acto de entrega dos premios do concurso “Ciencia contada e debuxada”. Un acto que daba comezo ás 12 horas no salón de plenos da casa consistorial, e no que o rexidor agradecía moi especialmente a participación e implicación dos centros educativos neste certamen, incluído no programa “Fene, coa ciencia en galego”. “A rebelión dos robots”, de Tatiana Luaces Fraga, de 3º de ESO do CPI A Xunqueira, recolleu o diploma que a acreditaba como gañadora do premio de relatos na categoría ESO; “Baixo a sombra do pasado”, de Marina Veiga Paz, tamén de 3º de ESO do CPI A Xunqueira, alzouse co segundo premio nesta mesma categoría; “Os nosos favoritos”, da aula de Infantil de 3 anos do CPI A Xunqueira, gañou o primeiro premio de debuxo na categoría de Educación Infantil; “Invisibles”, da aula de 6º de Primaria do CEIP Os Casais, logrou o primeiro premio de debuxo pero na categoría de Primaria, namentras que o segundo premio nesta categoría recaeu no traballo “Ciencia e vida é a mellor compañía”, de David Parga Torrente, alumno de 5º de Primaria do CPI A Xunqueira.

“Fene, coa ciencia en galego” é unha iniciativa conxunta dos centros de ensino da localidade –a través dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística- e máis o Concello de Fene –a través da Concellería de Cultura e Normalización Lingüística-. Este certame de debuxos e relatos curtos relacionados coa ciencia e a ciencia-ficción trata de pór en valor a importancia da I+D+i no desenvolvemento económico e benestar da sociedade e un maior recoñecemento social destas actividades, así como un achegamento ao traballo científico e ás profesións de científicos e tecnólogos. A el se presentaron preto de medio centenar de traballos.

15 de decembro de 2014 | 16:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.