O alcalde de Fene asegura que o Concello se planteará rebaixar o IBI cando cancele a débeda herdada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFeneLocal Portada
A-
A+

O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, asegurou esta mañá que se lle preguntan se está a favor dunha rebaixa no Imposto de Bens Inmobles (IBI) a súa resposta é clara: si. Para acto seguido, sinalar que sempre e cando se poida. E poderase, engadiu, no momento no que o Concello cancele a débeda bancaria contraída polo anterior goberno do BNG. Débeda que, a día de hoxe, ascende a 1.167.000 euros, da que cada ano se amortizan uns 450.000 euros. Con esas previsións, o momento chegaría dentro de dous anos. Gumersindo Galego asegura que para el, coa cita electoral a escasos meses, sería moi conveniente anunciar rebaixas impositivas que, a día de hoxe, o Concello non pode asumir. Expresábase así en relación ao escrito presentado hoxe no que se solicita a citada reducción do coeficiente do IBI ao 0,50. Unha petición que, a pesares de non ser política como expresaba o encargado de levar o texto, planteou exactamente o PSOE no pleno centrado no proceso de regularización catastral solicitado por este grupo.

Galego considera que calquer veciño asinaría un escrito solicitando unha rebaixa dos impostos, pero que unha vez coñecido o contexto as cousas varían. De feito, no sinalado pleno, o PSOE accedía a estudar a súa proposta de rebaixa do coeficiente cos grupos, despois de que tanto PP como BNG considerasen que para facela efectiva é imprescindible un estudo económico riguroso no que se determinen que sectores serían susceptibles de reducción. En caso contrario, unha rebaixa xeralizada –na que por exemplo tamén entraría Navantia- sumiría ao Concello na bancarrota.

Por último, o alcalde reseñou que, máis aló da proposta presentada no escrito, os datos que a acompañan son interesados e parciais senón falsos. Por exemplo, respecto á subida que se sinala, Galego lembra que no presente mandato non se aprobou ningún incremento nin do IBI nin de ningún outro imposto municipal. Máis aló, incluso nin no mandato precedente se chegou a aprobar ninguna subida relativa ao IBI. Tamén se pregunta como se fai referencia a municipios como Betanzos ou Miño cando nin son limítrofes sin comparten características máis ben están fóra da propia comarca na que se ubica Fene.

15 de decembro de 2014 | 17:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.