O alcalde de Fene anuncia obras de saneamento en Maniños e renovación de servizos e pavimentos na Avenida das Pías por máis de 250.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFene
A-
A+

O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, informou de que o Concello levará a cabo obras de saneamento en Maniños e unha actuación de renovación de servizos e pavimentos na Avenida das Pías. Ambas intervencións, engadiu, contan cun orzamento superior aos 250.000 euros. Importe que será financiado con cargo á subvención da Deputación provincial da Coruña no marco do Plan de Obras e Servizos que impulsa. Ambas actuacións foron aprobadas por unanimidade en pleno e, nas próximas datas, iniciaráse o proceso de licitación.

Gumersindo Galego sinalou que a obra de saneamento na parroquia de Maniños levaráse a cabo nun tramo da rede da rúa Unión, onde tamén se inclúe a reparación e sustitución do pavimento da zona de formigón por rego asfáltico. Está orzamentada en 59.041,13 euros e conta cun prazo de execución de seis meses. A obra xustifícase na necesidade de reparar e eliminar as filtracións á rede de saneamento que inciden no funcionamento permanente do bombeo e mesmo provocan verquidos ao río Ba. Así mesmo, a necesidade de execución de instalacións soterradas e o estado do pavimento actual de formigón obliga a sustituílo por un novo de rego asfáltico.

Así mesmo, o alcalde tamén deu conta do segundo proxecto. Neste caso, a renovación de servizos e pavimentos na Avenida das Pías (estrada FE-14) fase 2 na súa marxe esquerda. Nesta zona, o Concello prevé renovar as tuberías existentes de fibrocemento entre os puntos quilométricos 4+500 e 4+757 mediante novas redes de fundición e polietileno e os correspondentes accesorios de fundición, así como a reposición dos pavimentos afectados durante as obras, a demolición das beirarrúas existentes no tramo comprendido entre os puntos 4+150 e 4+757 e a súa reposición mediante baldosas antiesvarantes nos pasos de peóns actuais. Neste caso, o orzamento ascende a 191.231,59 euros.

Por último, Gumersindo Galego apuntou que, aínda que a Deputación ofrece a posibilidade de destinar unha parte da subvención a gasto corrente, o Concello quixo dirixir o 100% da axuda a investimento.

6 de decembro de 2014 | 13:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.