O alcalde da Coruña considera unha vitoria colectiva a decisión de Alcoa
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, “en nome da corporación e de todos os coruñeses”, cualificou de “vitoria colectiva” a decisión de Alcoa de retirar o expediente colectivo de despedimento que pesaba sobre o equipo da planta coruñesa e fixo extensiva o seu parabén aos traballadores da planta de Avilés.
Nun comunicado, Negreira expresa a súa “enorme satisfacción” por este anuncio. Tamén espera que a segunda poxa enerxética – vía de solución que, afirma, defendeu “dende o primeiro momento”- “servira para que Alcoa garanta a produción rendible da factoría de A Grela durante os próximos 12 meses”.
Para o alcalde coruñés, “é unha magnífica noticia, o mellor regalo de Nadal para as 400 familias, que viviron duras horas de incerteza”, en alusión aos traballadores desta planta e os seus achegados.
AGRADECEMENTO A INDUSTRIA E A FEIJÓO
Por outra parte, o goberno local coruñés, do PP, expresa o seu agradecemento ao Ministerio de Industria “polo esforzo realizado”, á Xunta de Galicia “e, moi especialmente, ao seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, polo apoio firme á postura dos traballadores que o alcalde solicitou dende que se coñeceron as intencións da empresa”.
Para o alcalde, a retirada do expediente de extinción é “outra vitoria colectiva desta cidade; de todos os coruñeses que saben identificar as reivindicacións cando parten da sensatez e a xustiza”.
Ademais, invitou “a todos eses veciños que se colocaron do lado dos traballadores a compartir a súa alegría e a celebrar a resolución deste conflito como un motivo máis para a esperanza e a ilusión polo futuro desta cidade”.
“VITORIA NUNHA BATALLA”
Carlos Negreira recorda tamén que a noticia supón “a vitoria nunha batalla”. “Non se debe perder nin un minuto en comezar a traballar por un escenario que permita a Alcoa e ao resto de empresas en situacións similares poder planificar o seu futuro a medio e longo prazo sobre unha base máis estable que a que poida derivar dunha poxa de carácter anual”.
“Os traballadores de Alcoa non merecen outro Nadal como a que pasaron”, apunta. Tamén indica que dende o Concello “vixiarase moi estreitamente para que, con tempo abondo e dende o diálogo, se alcance unha solución definitiva que achegue estabilidade”, remarca.
Por outra banda, o comunicado precisa que o alcalde trasladou persoalmente aos representantes dos traballadores “o seu parabén e lles desexou unhas felices festas en compañía das súas familias”, conclúe.











