O 80 % das 3.500 familias atendidas nas oficinas de asesoramento sobre aforro enerxético pagaba de máis na súa factura

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

Máis do 80% das 3.486 familias atendidas nas oficinas de asesoramento sobre aforro na factura eléctrica postas en marcha pola Deputación de Pontevedra e a Unión de Consumidores de Galicia pagaba máis do que lle correspondería no seu recibo da luz.

Así se desprende do balance de funcionamento destas oficinas, abertas ó público o 2 de setembro e que pecharon as súas portas o pasado 28 de novembro.

Cambios como adaptar a potencia contratada á realmente consumida, optar por unha tarifa de discriminación horaria que moitos dos usuarios descoñecían ou a posibilidade de acollerse a axudas públicas son algunhas das vías que se lles abriron ós asesorados destas oficinas, que poderán aforrar desde 45 euros anuais, como mínimo, ata os 1.200 euros ó ano que poderá aforrar unha familia que, por un mal asesoramento, tiña contratada unha potencia moito máis elevada da que precisaba.

En canto ós aforros medios oscilaron arredor dos 100 euros anuais de media en fogares sen calefacción eléctrica e entre os 200 e 250 euros para os fogares con calefacción eléctrica.

Moitos destes aforros están vinculados ós modelos de tarifa, xa que para moitos fogares optar por unha tarifa de discriminación horaria reducirá notablemente a súa factura da luz.

Mercado libre ou regulado

Outro dos temas máis repetidos nas oficinas de asesoramento foi todo o relacionado co mercado libre e o mercado regulado debido ó gran descoñecemento xeral existente en torno ás diferenzas, vantaxes e inconvenientes de cada un deles.

Nas oficinas detectouse que o 36 % dos usuarios está no mercado libre e que, en moitos casos, este paso ó mercado libre se fixo sen consentimento ou con información enganosa.

Desta forma foron moitas as familias atendidas que se interesaron polo procedemento para poder volver ó mercado regulado, para o cal recibiron información detallada.

As axudas públicas, as tarifas de discriminación horaria, os novos contadores dixitais ou a potencia máis adecuada a cada fogar foron outros dos temas abordados, ós que, no mes de novembro, se sumaron as consultas sobre o novo modelo de factura que comezou a implantarse en outubro e que a moitos usuarios lles ocasionou dúbidas.

Tamén foron moitas as consultas sobre as cantidades cobradas de máis nos dous primeiros trimestres do ano e que as compañías deberían devolver (algo do que non se beneficiaron os usuarios do mercado libre).

A información detallada que se lle ofreceu a cada usuario, baseándose nos datos reais do seu fogar, e as claves para que cada un poida ler correctamente cada un dos apartados da súa factura deron lugar a unha satisfacción xeneralizada dos usuarios, máxime cando van representar para a inmensa maioría deles un aforro notable nos seus gastos mensuais.

Outras consultas

As oficinas estiveron abertas, ademais, a consultas sobre outros temas de preocupación dos cidadáns, polo que, aínda que a maioría dos usuarios acudiu en busca de asesoramento para aforrar na súa factura de electricidade, tamén se atenderon consultas sobre o recibo do gas, seguros ou telefonía, entre outras.

Malia que inicialmente o acordo entre a Deputación e a Unión de Consumidores establecía que as oficinas permanecesen abertas desde o 2 de setembro ata finais de outubro en Pontevedra, Vigo, A Estrada, Lalín, Cambados, Cangas, Ponteareas, Tui, Redondela e Vilagarcía de Arousa, a elevada demanda animou as dúas institucións a prorrogar o acordo e manter este servizo tamén durante o mes de novembro, prestando atención nas oficinas de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa (por seren as de maior demanda) e en Lalín, para atender a zona de Deza e Tabeirós-Terra de Montes.

Así, as 4 oficinas que permaneceron abertas en novembro concentraron máis do 60 % das consultas atendidas en todo o período, con 2.117

9 de decembro de 2014 | 18:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.