publicidade hoxe

O 15 de decembro remata o período de inscrición para Ociolerios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOleiros
A-
A+

O Concello de Oleiros oferta novas actividades dentro do programa Ocioleiros 2015. O período de inscrición nestas remata o próximo luns día 15 deste mes, polo que ata entón é posible presentar a solicitude de matrícula. O parkour, a arte do desprazamento, é unha actividade de orixe francés que consiste en desprazarse usando as habilidades do propio corpo. Isto significa superar obstáculos que se presentan no percorrido, muros, valados, varandas sempre coa prudencia debida. Leva tamén unha parte mental vendo a dificultade como unha oportunidade e non como un problema o que te fai medrar como persoa. As persoas practicantes do parkour son denominados trazadores e trazadoras. A particularidade desta actividade é a sinxeleza pois só se precisa roupa e calzado cómodo.

Ademais desta actividade, o Concello presenta tamén como novidade un curso de arte escénico para cine. Este é un obradoiro de actuación para a cámara onde a xente nova aprenden a expresar emocións, a improvisar, a localizar bloqueos físicos e emocionais, falar en público, a creación de historias e personaxes e a planificación dunha rodaxe. Repasaranse os xéneros cinematográficos e emularase o procedemento real dunha película con plan de rodaxe, orde de traballo, necesidades técnicas, de vestiario, maquillaxe e localizacións. A final de curso farase a estrea da curta con alfombra vermella e ao grande.

11 de decembro de 2014 | 19:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.