Negreira sinala que é fundamental desactivar o expediente de despedimento colectivo de Alcoa

Negreira xunto ao comité de empresa de Alcoa
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, acompañado da responsable municipal de Emprego e Empresa, Luisa Cid, reuniuse esta mañá co comité de empresa de Alcoa para trasladarlle o “total apoio e compromiso” do Concello cos traballadores da planta que a compañía ten na Grela. O rexedor coruñés destacou que os dous grandes obxectivos a curto prazo son “desactivar o expediente de despedimento colectivo” e a convocatoria urxente dunha segunda poxa enerxética para garantir a continuidade da actividade industrial en 2015.
Carlos Negreira reuniuse no Palacio Municipal de María Pita co presidente e membros do comité de empresa, na que analizou os últimos pasos que se deron e reiterou todo o seu apoio para conseguir que este problema se resolva da maneira máis favorable para o persoal. “Trasladei ao comité de empresa o noso total apoio e compromiso cos traballadores de Alcoa. A nosa prioridade absoluta son os 400 traballadores da planta. Por tanto, queremos dicir alto e claro que A Coruña quere seguir producindo aluminio e que ten capacidade técnica, experiencia e traballadores que saben facelo. A nosa alianza é incondicional cos traballadores de Alcoa e co emprego industrial na nosa cidade”, sinalou o alcalde.
Carlos Negreira explicou aos representantes dos traballadores cales son os obxectivos marcados a curto prazo para garantir a continuidade da actividade na factoría. O alcalde sinalou que é fundamental “desactivar o expediente de despedimento colectivo”, á vez que instou ao Goberno central a celebrar unha nova poxa enerxética: “Esiximos esta segunda poxa que non estaba prevista para que estea sobre a mesa antes do 31 de decembro. Buscamos que Alcoa teña condicións similares ás de 2014 para garantir a continuidade da actividade en 2015. Hai que xerar condicións para que Alcoa non teña motivos para non continuar coa produción de aluminio en Galicia a prezo competitivo”.
O alcalde destacou a colaboración do Concello e da Xunta -a través do presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, e do conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde- para alcanzar estes obxectivos, así como a sensibilidade do Goberno central, que se comprometeu a sacar a concurso unha segunda poxa, un “avance importante” posto non está obrigado por lei a convocala.
O comité de empresa da planta de Alcoa na Coruña agradeceu o encontro mantido esta mañá co alcalde, que cualificou de “positivo”. Neste sentido, o alcalde indicou que, unha vez alcáncense estes primeiros obxectivos a curto prazo, o paso seguinte será “perfeccionar” o sistema para que non se produzan ano a ano os mesmos problemas, o que permitirá definir un proxecto a longo prazo para a produción de aluminio na Coruña.











