Motor Classic e a Feira de Antigüidades pechan as súas portas cun gran éxito de visitantes
O recinto feiral estradense, clausuraba onte á tarde a súa exitosa mostra de Motor Classic e a Feira de Antigüidades, ambos os certames, daban por concluído o calendario feiral do recinto para este ano. A resposta por parte do público foi boa. Neste sentido, a media tarde do domingo, o recinto feiral xa pasara a cifra de visitantes da edición anterior, cifrada en máis de sete mil asistentes.
Motor Classic 2014, rexistrou un incremento do 10% de firmas con respecto á edición anterior, incrementando igualmente o volume de vehículos expostos que pasaron o centenar e medio de exemplares de incalculable valor económico e sentimental.
O parking habilitado para vehículos clásicos, rexistrou igualmente ao longo de todo o día un cheo absoluto, constituíndo unha mostra paralela e complementaria dos outros dous pavillóns de exposición de clásicos. En canto a vendas o 75% dos enquisados, alegaron adquirir algo dentro do recinto. As provincias de Pontevedra e A Coruña, foron as que maior volume de visitantes achegaron ao certame, O 49% do público asistente, manifestou ser a primeira vez que visitaba a mostra, o que pon de manifesto o tirón de Motor Classic e o xa consolidado da Feira de Antigüidades.
A satisfacción, é a tónica predominante entre as partes implicadas: expositores, visitantes e equipo organizativo. Así, o 81% manifestou estar satisfeito coa cantidade e calidade das firmas presentes. O 100% dos visitantes enquisados, manifestaron a súa intención de regresar en próximas edicións. Igualmente salientable, é o impacto socioeconómico xerado na contorna que como xa vén sendo tradicional, déixase sentir maiormente no sector da hostalaría e nas estacións de servizo locais. O 43% manifestou acudir a algún restaurante local e o 83% alega usar algunha gasolineira, bar ou cafetaría.
A organización quere agradecer a colaboración da Asociación de Vehiculos Clásicos da Estrada e a todas aquelas asociacións, clubs e particulares que participaron no evento e que coa súa achega contribuíron a que o mesmo fose un éxito Con moi bo sabor de boca e contando unha vez máis co beneplácito do público, o recinto feiral estradense, deu por concluído, na tarde de onte, o seu calendario feiral 2014.











