Mos suma 750.000 euros xestionados para a mellora de viais na parroquia de Cela
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e os edís de Vías e Obras, Alberto Méndez, e de Limpeza Viaria, Cándido Pérez, que ademais é natural da parroquia de Cela, visitaron esta mañá a devandita parroquia, concretamente a estrada Generoso Domínguez, cuxa reparación xa se atopa rematada e hoxe mesmo abriuse ó tráfico rodado.
Os representantes municipais lembraban a este respecto que a parroquia de Cela resultou ser unha das máis perxudicadas polos temporais do pasado inverno, dos que resultou ser consecuencia o afundimento da estrada estrada Generoso Domínguez, no barrio de Coto.
O Concello de Mos elaborou un proxecto de rehabilitación do firme deste vial, cun orzamento de execución de 200.000 euros, que foi financiado íntegramente pola Deputación de Pontevedra a través dunha liña de subvencións urxentes da que a administración provincial dispón en casos de catástrofes naturais.
Este vial viuse afectado por desprendementos de terras causados polas intensas choivas, rexistrándose nel os conseguintes afundimento e desprazamento da traza debidos á filtración e ó empuxe de acumulación de auga. O tramo afectado e que se procedu a reparar conforme ó proxecto elaborado, corresponde a un lugar de conexión entre núcleos habitacionais e cunha circulación de vehículos moi importante, incluído transporte escolar, de ahí a importancia de acometer as obras de reparación para devolver dita zona ó seu fluxo habitual de tránsito de vehículos e peóns. Os traballos incluíron movemento de terras e demolicións na infraestrutura previa, drenaxes, acometida de cunetas, pavimentación e contención de terras.
A estrada Generoso Domínguez discurre de norte a sur conectando a parroquia de Tameiga coa estrada autonómica PO-331 e trátase dun vial de oito metros de anchura que discurre uniforme en todo o tramo de actuación.
Sobre esta importantísima obra nunha infraestructura de vital relevancia para as comunicacións viarias dos veciños de Cela, o goberno local fixo referencia ó aproveitamento das circunstancias por parte do grupo local do PSOE de Mos, “que se dedicou a facer campaña política dunha catástrofe natural, mentres dende o Concello nos adicábamos a buscar fondos para acometer a obra necesaria”, declarou a alcaldesa, quen insistiu en que “aínda que este vial é de titularidade municipal, conseguimos que a Deputación asumise o 100% da financiación, subvencionado con preto de 200.000 euros os traballos”. Arévalo explicou ademais que o inicio da obra se demorou un pouco porque o procedemento de contratación da empresa encargada dos traballos foi aberto, polo que se presentaron un total de unhas 20 empresas, e xestionado directamente dende a Deputación de Pontevedra, de xeito que os trámites levaron un tempo que era necesario e que, dende a adxudicación da obra, o pasado mes de outubro, se axilizou ó máximo para ter a reconstrucción rematada a día de hoxe.
750.000 euros para as estradas de Cela
Ademais da de Generoso Domínguez (200.000 euros), o goberno municipal mosense logrou xestionar este ano a mellora doutras vías da parroquia de Cela sumando un total de 750.000 euros en fondos destinados ós asfaltados da estrada de Costa da Morte (300.000 euros) e Rúa de Justo José González Ballesta e os tres camiños en Herville de Cestiña, Salgueiro e Cruces (250.000 euros entre estes catro últimos).











