Mos presenta ‘unha comedia de morte’ como o acto estrela do Nadal

Presentación da comedia
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Cultura, Sara Cebreiro, xunto co actor Xoque Carbajal presentaron a obra de teatro “D.E.P. Unha comedia de morte” da compañía Malasombra producións S.L., á que pertence este último, e que se atopa incluída dentro da programación de Nadal.
Esta é unha obra teatral que trata como tema central “a pelexa pola herdanza”. Pero aínda hai algo que a fai moito máis especial e é que neste caso, a herdanza é dunha nai que aínda non está morta.
D.E.P. fala sobre nós, sobre as nosas mentiras, sobre a avaricia e a falta de escrúpulos dende unha perspectiva moi interesante. Trata un tremendo drama familiar, que ten como base o desprezo cara a unha nai encamada, mal alimentada e sedada indiscriminadamente. Pero a particularidade desta obra é o que fai mediante a comedia. Unha comedia pura que se desenvolve cunha naturalidade cadenciosa. Un humor áxil e fresco apoiado nunha cotianidade absoluta.
A obra preséntanos a dous irmáns inmersos nunha espiral de egoísmo, nunha encarnizada loita en torno á herdanza familiar: “que mamá morra rápido por favor!”. E no medio está a nai, viva, moribunda ou inmortal (dependendo dende o prisma que se mire), pero que en realidade xa foi enterrada polos seus fillos hai moitos anos. Partindo desta deterioración familiar, encontrámonos cun mundo urbano onde a crise campa sen medo. E todo isto tratado dende un ton absolutamente cómico.
Esta obra cumpre algúns requisitos fundamentais nos tempos que corren. Trata un tema de total actualidade, o abandono dos nosos maiores, así como os conflitos derivados por discrepancias na repartición de herdanzas, que son noticia todos os días. Os autores conseguiron unha construción perfecta do texto, brindándonos uns diálogos áxiles que nos contan unha crúa realidade, pero á súa vez, dotados de gran comicidade. É un espectáculo dirixido a un grande abano de públicos. Tanto a temática, o texto en si, como a posta en escena, resultará de interese a públicos adultos de calquera idade, de diferentes clases sociais e culturais, ben sexa dun ámbito urbano ou rural.
Os obxectivos desta actividades on achegar os/as mosenses a problemática do abandono dos nosos maiores e dos conflitos familiares derivados polas herdanzas, espertar a actitude crítica dos/as mosenses ante este tipo de acontecementos, fomentar o bo clima nas relacións familiares, promover o desenvolvemento de habilidades persoais como a empatía e o respecto e crear novos espazos de socialización e divertimento.
Os beneficiarios e beneficiarias deste programa son todas aquelas persoas veciñas do Concello de Mos, e indirectamente, calquera persoa doutro municipio que estea interesada en acudir á actividade.
A obra “D.E.P. Unha comedia de morte” representarase o vindeiro venres, 26 de decembro no auditorio do Multiusos das Pozas ás 20:30 horas con entrada libre e de balde.
A sinopse desta peza de teatro é a seguinte: unha nai con xa demasiados anos, unha embolia, unha gripe e moi poucas ganas de morrer; un fillo próximo aos 50 cunha muller posesiva e medio calva, unha empresa que se afunde e unha xubilación que se afasta, que se afasta; outro fillo de 42 que a coida, báñaa, peitéaa e case a mata (á da embolia); unha “Testigo de Jeová” que os visita cada mércores; moitas libretas e poucos aforros; unha casa que hai que vender ” pero, xa! “; e unha noite interminable repleta de segredos inconfesables que acaban saíndo á luz e provocan a confesión máis crúa da función: “Fran, eu creo que non quero a mamá. “, dille Carlos ó seu irmán. “Pois mira que se se cura… “, contéstalle Fran á súa vez. E como non queren que se cure polo seu ben, para que non sufra, porque isto xa non é vida nin é nada, empezan a idear maneiras de axudala, de darlle un empuxonciño. E aparecen novos elementos: unha corda, e unha lámpada, e ventás abertas, en inverno, ben abertas, e un coxín, e pan, un miolo de pan… E medo, moito medo. E a luz do día empeza a despuntar, e remata o tempo, e falo ti ou fágoo eu, e non o fai ninguén, e unha gran sorpresa final, e… ah, si! E timbres, moitos timbres.Iso é D.E.P. Unha comedia, claro.
Noites Vivas e Ocio en Familia
A programación de Nadal do Concello de Mos inclúe tamén varias actividades dos programas Noites Vivas e Ocio en Familia promovidos pola concellería de Educación e Participación Cidadá que dirixe a edil Kely Monzón. Entre elas está a iniciativa cinematográfica Mos coa Butaca, que proxectará o filme “Kamicace” o sábado 27 de decembro nas instalacións do Centro Dotacional de Torroso ás 22:00 horas e o espectáculo Fantasía Máxica de Javier Muro para toda a familia o domingo 28 de decembro ás 18:00 horas no Multiusos das Pozas. Ambas actividades son tamén gratuítas.
A película “Kamikace” tratata sobre Slatan, un home do Karadjistan, que ten ante él unha situación extrema: facer estallar un avión en pleno voo cheo de pasaxeiros que viaxan de Moscú a Madrid. Pero unha imprevista tormenta de neve provoca co terrorista e as súas futuras vítimas convivan durante tres días nun hotel á espera de que o tempo mellore. Durante esa forzosa convivencia, Slatan terá que relacionarse con persoas cunha visión optimista e positiva da vida.
O espectáculo Fantasía Máxica de Javier Muro é unha actividade onde a maxia existe realmente, un cóctel formado polo humor e as situacións cómicas e divertidas, pola participación do público como improvisados axudantes e a música especialmente seleccionada para crear un ambiente moi máxico dando lugar á creación de verdadeiros milagres.











