Mos ensina aos xóvenes a elixir a cor do seu futuro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

O tenente alcalde e concelleiro de Formación e Emprego mosense, Óscar Soto, lembrou hoxe que o vindeiro luns celebrarase a charla ‘Como elixir a cor do teu futuro’. Esta actividade forma parte da programación formativa da Axencia de Colocación de Mos e complementa as actividades educativas organizadas pola concellaría de Educación e Participación Cidadá, que dirixe a edil Kely Monzón, orientadas cara ao alumnado de Mos. A devandita concellería colabora de maneira activa  nesta charla.

Trátase dunha iniciativa aberta a todo o público.  Os interesados en participar poden confirmar a súa asistencia a través do facebook da Axencia (Axencia De Colocación De Mos-eventos), a través do correo electrónico info@axenciadecolocacionmos.es, ou ben achegarse o próximo luns directamente ao Multiusos antes das 16:30 horas.

A charla ‘Como elixir a cor do teu futuro’ celebrarase o luns 15 de decembro a partir das 16:30 horas no Multiusos das Pozas. A Axencia de Colocación de Mos, dentro do marco das accións formativas iniciadas durante este ano 2014, organiza esta charla formativa dirixida a xoves e á poboación en xeral, impartida por Manuel Montes Pérez, quen compartirá co público 25 anos de experiencia convertindo os soños en ideas, e as ideas en negocios. Esta charla ten como finalidade que os asistentes poidan descubrir o alto potencial que todas as persoas gardan no seu interior, e que poidan aprender técnicas que as axuden a acadar o éxito profesional.

A Axencia

A Axencia de Colocación de Mos ten como finalidade principal a intermediación laboral entre persoas desempregadas e as empresas que necesitan un determinado perfil profesional. Para acadar que o obxectivo principal, -que é a inserción das persoas en busca activa de emprego-, se faga realidade, a Axencia de Colocación complementa os seus servizos con formación específica adaptada as necesidades que se detectan nos perfís profesionais das persoas dadas de alta na Axencia, e nas necesidades ocupacionais que comunican as empresas.

12 de decembro de 2014 | 18:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.