Mos elabora unha nova ordenanza de auto-taxi consensuada cos taxistas da localidade
O Pleno do Concello de Mos aprobou inicialmente o pasado venres, en sesión ordinaria, a ordenanza reguladora do servizo de auto-taxi municipal. O documento, que foi elaborado pola administración local en consenso coa Asociación de Taxistas de Mos, ven a actualizar a anterior ordenanza municipal, que databa do ano 2006.
Segundo informaron a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Réxime Interno, Isidoro Táboas, esta actualización era necesaria para adaptar a ordenanza municipal reguladora do servizo de auto-taxis do Concello de Mos á Disposición derradeira terceira da nova lei 4/2013, de 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia.
O texto da nova ordenanza municipal xa lles foi trasladado ós taxistas de Mos e conta coa súa aprobación. Se ben, unha vez aprobada inicialmente polo Pleno da Corporación Municipal mosense, a ordenanza pasará ó procedemento de exposición pública durante un mes.
Durante o período de duración do trámite de exposición pública estará aberta a posibilidade de realizar alegacións que aporten posibles melloras á nova ordenanza e que serán incorporadas á mesma de resultar estimadas.











