Monforte inviste 30.000 euros na instalación de novos pasos sobre elevados en cinco rúas da localidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

O Concello de Monforte rematou a construción de 11 pasos sobre elevados para peóns en diferentes rúas da cidade. Trátase dunha actuación prioritaria en materia de seguridade viaria, e que supón un investimento de 29.950 €.

Leváronse a cabo obras nos pasos sobre elevados das rúas Valle Inclán, Duquesa de Alba, Calvo Sotelo, Ourense e Chantada, e entre hoxe e mañá procederase ao pintado definitivo.

A Concellería de Tráfico decidiu actuar nestas zonas da cidade atendendo ás peticións veciñais e aos informes da Policía Local sobre necesidades de seguridade viaria.

O obxectivo destas actuacións é mellorar a seguridade dos peóns e reducir a velocidade dos vehículos que transitan estas rúas, que rexistran a diario un elevado tráfico de vehículos.

Máis de 65.000 euros investidos en seguridade viaria nos últimos 4 anos

Con estas once novas actuacións complétase unha planificación de seguridade viaria que o Concello puxo en marcha neste mandato e que implicou melloras nalgunhas das principais rúas da cidade con maior densidade de tráfico.

Dende o ano 2010, a concellería que dirixe María Xosé Vega, leva investidos arredor de 65.000 euros no desenvolvemento de obras de seguridade como: zonas de velocidade reducida na rúa Carude; instalación de bolardos en rúas como Tecelás, Roberto Baamonde, Carude ou Campo de San Antonio; e construción de pasos sobre elevados nas rúas Reboredo, Valle Inclán, Duquesa de Alba, Calvo Sotelo, Ourense e Chantada.

Á marxe disto, anualmente renóvase a sinalización horizontal para garantir a visibilidade nas rúas da cidade.

 

23 de decembro de 2014 | 18:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.