Monforte inaugura “Peregrinatio. O Camiño de San Francisco a Santiago”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

Este xoves día 11 de decembro, ás 20:00 h na Casa da Cultura de Monforte, inaugúrase a exposición audiovisual “Peregrinatio. O Camiño de San Francisco a Santiago”, obra do monfortino Manuel Valcarcel e do pobrense Alexandro González.

A orixe da exposición sitúase na conmemoración do VIII Centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela. O Camiño de Santiago favoreceu no século XIII un encontro entre dúas sensibilidades, a franciscana e a xacobea, intimamente ligadas ós valores humanos e espirituais do Camiño.

Esta exposición audiovisual, que permanecerá na Casa da Cultura ata o día 21 de decembro, é froito da recente e intensa viaxe realizada polo fotógrafo Manuel Valcárcel e o músico Alexandro González, nados en Monforte e na Pobra do Brollón respectivamente, a través de Italia, Francia, o norte de España e a Galicia xacobea, seguindo a mesma ruta que San Francisco percorreu no ano 1214 desde Asís a Compostela.

Nesta viaxe contemporánea os autores mostráronse atentos á tradición cultural e á sensibilidade relixiosa que impregna os lugares e os camiños a Santiago de Compostela. Unhas paisaxes culturais e uns espazos sacros intimamente ligados á orixe evanxélica da tradición cristiá, sobre as que se asentan a mentalidade e a historia cultural dos pobos de Europa.

O sacro deses espazos vén conformado pola propia ruta e polos santuarios, mosteiros, hospitais, vilas e cidades relacionadas historicamente co Camiño a Santiago de Compostela.

Neste fresco resáltase o fecundo encontro entre culturas que suscitan os camiños de peregrinación. Unha viaxe que se desenvolve a través de paisaxes cambiantes, ó abeiro do misterio e das inquedanzas dos peregrinos.

Trátase dunha busca espiritual que se escenifica na penumbra dos templos, ante o resplandecente brillo dos altares, na comuñón do peregrino coa natureza, no intercambio de xestos e palabras cos compañeiros de ruta, na calma do albergue, ou no balbordo políglota de mesóns e tabernas.

Os motivos de lecer e deporte, de turismo cultural, mesmo o sentimento de aventura, galvanizan en boa medida os ánimos dos modernos peregrinos. Pero nesta rede de apetencias mundanas segue a brillar unha chama de espiritualidade que serve para que o peregrino do século XXI se sinta herdeiro dunha tradición cultural milenaria.

As claves principais deste feito histórico, os seus valores universais, o seu legado cultural, a súa capacidade para potenciar aspectos tan positivos como a comprensión mutua, o intercambio, a solidariedade, a hospitalidade…, están recollidas con enorme capacidade de síntese neste traballo de Manuel Valcárcel e Alexandro González, dous artistas que, asumindo o seu papel de peregrinos, souberon ver en camiños e santuarios, cos ollos ben abertos, a esencia dun fenómeno único.

A exposición, organizada polo Concello en colaboración co Xacobeo, poderá visitarse de luns a venres de 9:00 a 13:30 e de 16:00 a 21:00 h.

8 de decembro de 2014 | 10:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.