Moncho Fernández: “Tuenti Móbil Estudantes está competindo moi ben”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

Moncho Fernández fixo hoxe un pequeno repaso aos perigos que lle esperan este fin de semana ao Rio Natura Monbus Obradoiro coa visita dun potente Tuenti Móbil Estudantes (20.00 horas – non televisado), que vén de gañar a pasada xornada ao imbatido até o momento Real Madrid, ao que o técnico santiagués apunta: “A liga Endesa é tan boa porque todo o mundo pode gañar a calquera, o F.C. Barcelona tamén perdeu en Sevilla”.

En referencia a esa pasada xornada do rival, Fernández observa que “cando perde o Real Madrid sempre é unha sorpresa, pero neste caso Tuenti Móbil Estudantes estivo moi ben, con moita fe na vitoria e moito acerto nos momentos importantes do choque. Foron moi intelixentes e no ultimo tramo do partido souberon xogar moi ben as súas bazas. Tiveron acerto e tamén unha gran defensa”. A iso, engade: “Houbo outros factores máis importantes, sobre todo, crer e celebrar cada canastra coma se fose a ultima. Estiveron moi ben, igual que o estiveron co Bilbao Basket, pero este escapóuselle na última xogada. Estudantes está a competir moi ben, e iso xogando sen Nunnally e Bircevic”.

As expectativas do xogo dos de Txus Vidorreta parecen estar claras: “Txus é un adestrador que domina perfectamente o uso das alternativas e seguro que as imos a ver aquí, todo tipo de zonas ou mixtas, el contrólaas”. En concreto, “seguro que como o ano pasado, volverán probar box-and-one con Corbacho, triangulo e dous cando teñamos dous beirados en pista, etc”.

Dos seus homes, destaca a Nacho Martín ou Javi Salgado “que está claro que son xogadores básicos para eles tanto polo que anotan como polo que dan”. Tamén Jaime Fernández, que “está a xogar tamén de escolta ultimamente e faio francamente ben. É capaz de xerar un contra un, libera a Salgado para o ataque, etc. Aínda que é novo, leva anos dabondo no equipo para ter galóns”.

Dos seus, o adestrador conta cos doce este fin de semana. Respecto ao rebote, Fernández afirma que non me preocupa que perdamos rebotes de ataque, iso é o normal, pero si hai algún que deberiamos facer noso e ese é un traballo de todos non só dos interiores. Hai que pensar que a defensa non se acaba ata que non reboteas”. Concluíu facendo mención á pasada xornada en Zaragoza: “Alí perdemos contra un equipo Eurocup e sen dous homes importantísimos para nós como son Pavel Pumprla e Maxi Kleber. E se miramos máis atrás, contra outro Eurocup como Herbalife Gran Canaria, un Euroleague como Valencia Basket Club, etc. O que quero dicir é que a nosa realidade é outra e temos que darnos conta sempre de quen somos”.

11 de decembro de 2014 | 20:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.