Moncho Fernández renova por dúas tempadas máis no Rio Natura Monbus Obradoiro

Os patrocinadores do Rio Natura Monbus que asistiron ao evento do Club de Empresas Obradoiro “Basket & Cheese: Xuntos Comunicamos Mellor” foron os primeiros en decatarse do anuncio que fixo o presidente do club, Raúl López, consistente no acordo con Moncho Fernández para estender a súa vinculación até o 30 de xuño de 2017. Desta maneira, o adestrador compostelán, cuxo contrato expiraba o próximo verán, será quen dirixa ao equipo na Copa do Rei da Coruña’2016.

O técnico acumula xa cinco tempadas consecutivas como máximo responsable técnico do banco obradoirista, ao que chegou co equipo na LEB Ouro, destacando durante este ciclo numerosos logros como un ascenso, unha Copa Príncipe, cinco Copas de Galicia ou a presenza no histórico Playoff ACB de 2013.

O presidente, Raúl López, ofrecerá mañá xoves unha conferencia de prensa, acompañado polo director xeral do club, José Luís Mateo, e o propio Fernández, na que explicarán e valorarán este compromiso, que dotará de continuidade ao proxecto da entidade. A cita terá lugar ás 12:30 horas, na Cervecería Estrella Galicia, sita na rúa Concepción Arenal, 10, da Coruña.

Ás 11:30 horas partirá do Multiusos Fontes do Sar un minibús que transportará aos profesionais dos medios de comunicación de Santiago de Compostela que se queiran desprazar á Coruña a cubrir a noticia.

3 de decembro de 2014 | 23:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.