Moncho Fernández: “O CAI Zaragoza ten moita polivalencia e moito talento ofensivo”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

O Rio Natura Monbus Obradoiro xogará este fin de semana no pavillón Príncipe Felipe, enfrontándose a un duro CAI Zaragoza (19:00 horas – TVG2), do que Moncho Fernández dixo que “é un equipo moi longo, preparado para xogar ao máximo dúas competicións”.

Dos de Joaquín Ruiz destaca que “no equipo recoñécese moita polivalencia, moito físico e moito talento ofensivo”. Ademais, “pasaron por un momento dificilísimo, terrible, que non se lle desexa a ninguén, e iso afectoulles, como non podía ser doutra forma. Pero ten un gran persoal, dous xogadores de moita calidade en cada posto é algo que só llo poden permitir os grandes equipos”. Lembrou tamén que esta semana os zaragozanos gañaron o seu partido de Eurocup “cunha facilidade enorme e xogando francamente ben, con calidade na pista e no banco”.

Engadiu que “Joaquín Ruiz puxo os seus detalles a cousas que xa permanecen doutros anos, e a suma total é moito perigo: como te descoides, mátante”. Tamén lembrou que “o Príncipe Felipe é unha das nosas pistas malditas nas que nunca gañamos e iso é indicativo da súa dificultade, pero imos con toda a ilusión a tentalo”.

Ao ser preguntado polos altos e baixos do rival, o técnico do Rio Natura Monbus Obradoiro sentenciou que “a irregularidade é algo que nos ocorre a todos, especialmente aos que incorporamos a tanta xente nova, como é o seu caso e o noso. Os adestradores non podemos inventar o tempo”.

Respecto dos seus, Fernández asegurou para finalizar, que “nós non cambiamos, imos seguir a receita de sempre aínda que esteamos contentos por ter cinco vitorias. Os obxectivos inmediatos son facer todo o que nos faga ser competitivos”. Concluíu explicando que “agora, o que toca é adestrar ben o venres e o sábado e xogar ben o partido” .

4 de decembro de 2014 | 20:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.