Medio Ambiente licitará as obras do aparcadoiro disuasorio de Lonzas por 700.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, adiantou esta mañá que o departamento que dirixe licitará por 700.000 euros as obras do aparcadoiro disuasorio de Lonzas en menos dun mes. Así o comprometeu esta mañá tras a sinatura do convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello da Coruña, e que permitirá que esta instalación sexa unha realidade no ano 2015.

A conselleira de Medio Ambiente e o alcalde da Coruña, Carlos Negreira, coincidiron ente que se trata dunha infraestrutura que disporá máis de 170 prazas de aparcamento e que conta cunha excelente conexión coa rede viaria de accesos á cidade herculina, feito que incidirá moi positivamente na mellora da mobilidade dos seus cidadáns. No acto de sinatura tamén estivo presente a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo.

En palabras da conselleira de Infraestruturas este novo aparcadoiro tamén favorecerá a accesibilidade das persoas que se acheguen ata A Coruña, incidirá no uso do transporte público e facilitará o intercambio entre medios de transporte.

A conselleira salientou que un dos obxectivos do seu departamento é duplicar o número de concellos e poboación beneficiada do PTM, que na actualidade de sitúa nos 900.000 galegos das áreas da Coruña, Ferrol, Santiago e Lugo. Sinalou que no caso concreto da Coruña, onde o plan de transporte metropolitano está en funcionamento desde o ano 2011, os resultados son moi satisfactorios, xa que no pasado ano nesta área se rexistraron o dobre de viaxes coa tarxeta de transporte metropolitano que no ano 2010, antes da entrada en vigor do plan.

Outra das mostras do compromiso asumido pola Xunta para o fomento da mobilidade é o convenio asindo coa Universidade da Coruña, no que se establecen importante bonificacións para os estudantes que teñen acceso ao programa de axudas ao transporte.

Vertebración metropolitana

A conselleira de Medio Ambiente salientou que non só se trata de dispoñer dun modelo de mobilidade alternativo ao servizo dos cidadáns, senón tamén de definir unha rede de infraestruturas que vertebre esta grande área metropolitana.

Recentemente, púxose en servizo unha infraestrutura esencial e estratéxica para as comunicacións da comarca, como é o Nó de Sabón. Unha actuación que contou cun investimento de máis de 11 millóns de euros e que se revela esencial para desconxestionar o tráfico neste punto neurálxico da cidade.

Unha vertebración que se verá reforzada coa prolongación da Vía Ártabra ata a AP-9 ou a Terceira Rolda, na que a Xunta e o Goberno central uniron esforzos e que poderá entrar en servizo no primeiro trimestre de 2015.

Disuasorio de Lonzas

O aparcadoiro executarase nunha parcela proposta polo Concello da Coruña, expropiada polo Ministerio de Fomento para a execución das obras da autovía de acceso á Coruña (AC-14), no tramo Lonzas-A Zapateira. O espazo atópase no contorno da glorieta de conexión da AC-14 coa Ronda de San Cristovo, no núcleo de San Cristovo das Viñas. Esta localización permítelle unha boa conexión coa rede viaria de accesos á cidade da Coruña a través da autovía AC-14 no nó de Lonzas e da avenida Salgado Torres.

No relativo á súa urbanización, prevese a colocación de zonas verdes nos espazos libres do aparcadoiro para mellorar a estética e a drenaxe profunda, utilízase na zona de aparcadoiro pavimento de adoquín de formigón con ocos que permiten o crecemento de céspede, e tamén se iluminará a parcela con sistemas de iluminación led de baixo consumo. A actuación compleméntase coa reposición dun camiño peonil existente na actualidade, que serve para o acceso dos veciños de San Cristovo das Viñas á zona da igrexa.

A Xunta destaca que este tipo de actuacións fomentan a mobilidade urbana e interurbana sustentable, mellora as condicións de mobilidade e accesibilidade das persoas ao promover infraestruturas que faciliten o intercambio entre modos de transporte e potencien a utilización de medios de transporte públicos e os desprazamentos menos contaminantes.

17 de decembro de 2014 | 19:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.