Medio Ambiente inicia os traballos xeotécnicos para as obras de mellora da curva da Costa da Morte en Mos
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas inicia mañá os traballos xeotécnicos previos para executar a obra de mellora da denominada curva da Costa da Morte, na estrada O Porriño-Gondomar (PO-331), no concello pontevedrés de Mos.
Na xornada de hoxe, a maquinaria realizará as marcas de obra (en amarelo), xa que o vindeiro xoves se iniciarán os ensaios xeotécnicos no noiro de terraplén, na marxe esquerda, onde se construirá un muro de contención. Cómpre indicar que para o desenvolvemento destas tarefas, será necesario cortar durante unhas horas o carril de baixada, habilitando o carril esquerdo para os vehículos rápidos para desviar o tráfico en sentido de Torneiros. Neste punto, a estrada ten tres carrís: dos de subida en sentido Gondomar e unha de baixada en sentido Torneiros. Ao longo do mes de xaneiro a maquinaria pesada estará na zona de obra para seguir avanzando nesta actuación.
Esta actuación, que executará a Axencia Galega de Infraestruturas e que adxudicou por máis de 268.000 euros á empresa Covsa, ten por obxecto de mellorar a seguridade nos movementos nesta zona.
Actualmente o acceso ao núcleo de Sequeiros dende a PO-331 presenta unha reducida visibilidade, tanto para os xiros de saída da citada estrada cara á vía local pola que se accede a esta localidade, coma na incorporación á estrada autonómica.
Por outra parte, neste punto atópase a coñecida Fonte de Atín, utilizada por numerosos veciños, que dispón na fronte dunha pequena explanada. É frecuente que os veciños fagan cambios de sentido nese punto, a pesar da súa reducida visibilidade e radio de xiro, o que pode xerar situacións de risco.
A estrada nese punto rexistra notables intensidades de tráfico (superiores aos 6.000 veh/día), polo que se decidiu intervir incorporando un carril central de espera e unha semiglorieta que permita o cambio de sentido, mellorando a visibilidade na intersección e habilitando un punto axeitado para permitir os xiros en condicións de seguridade.
Actuación a executar
A actuación que leva a cabo a Consellería de Medio Ambiente consistirá no acondicionamento de intersección da estrada PO-331, previsto no PK 3+500 inclúe:
– Ensanche da calzada cara a marxe esquerda (lado terraplén), e execución dun muro de escollera de 134 metros de lonxitude e unha altura media de 1,75 m.
– Nova drenaxe transversal
– Alumeado
Estes traballos incrementan a seguridade viaria nesta estrada, ao definir carrís que faciliten aos máis de 15.000 veciños de Mos xiros e movementos viarios de xeito ordenado e delimitado.











