Medio Ambiente destinará unha axuda de 19.500 euros a Ponteareas para a mellora da senda fluvial do río Tea

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonteareasPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita a Ponteareas

Cores Tourís na visita a Ponteareas

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Ponteareas para analizar co alcalde da localidade, Salvador González Solla, a nova subvención da Consellería de Medio Ambiente que permitirá continuar coa mellora da contorna do río Tea.

Deste xeito, Cores Tourís asegurou que o municipio executará as obras de sinalización e mobiliario da senda fluvial do río Tea, para o que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas aportará unha axuda global de 19.500 euros, dentro das axudas destinadas a concellos da Rede Natura. O concello de Ponteareas aportará o 21% correspondente ao IVA da obra.

O delegado territorial destacou que estas subvencións veñen a ratificar “o compromiso do Goberno galego coa conservación, coa protección e coa mellora dos parques naturais en Galicia e, en concreto, na área da Delegación da Xunta en Pontevedra, unha das que conta con maior número de concellos acollidos a estas axudas, en concreto 22, investiranse un total de algo máis de 500.000 euros en diversos proxectos se temos en conta non só a axuda destinada pola Xunta de Galicia para estes municipios senón tamén a IVA que eles asumen”.

Segundo explicou, estas subvencións destináronse a tarefas de mellora da paisaxe, como a limpeza, restauración e sinalización de camiños e espazos recreativos; a manter as condicións ambientais e favorecer a recuperación de especies en zonas de Rede Natura 2000; e a recuperar ou restaurar elementos históricos patrimoniais, como hórreos, milladoiros, fontes cabanas ou valos.

“O obxectivo da Consellería de Medio Ambiente é dar resposta a estes obxectivos fomentando e aumentando o papel dos concellos á hora de levar a cabo este tipo de accións, na súa calidade de entidades xestoras de terras”, engadiu Cores Tourís, quen matizou que “estas actuacións están dirixidas”, asegurou Cores Tourís, “a contribuír a biodiversidade e á preservación dos ecosistemas de alto valor natural garantindo a compatibilidade cos valores naturais que compre protexer en cada zona e o mantemento dun estado de conservación favorable para os hábitats e as especies de interese de cada espazo dentro da Rede Natura 2000 de Galicia”.

Cores Tourís rematou a visita destacando que dende a administración autonómica continuarase a perseverar no coidado da natureza. “Queremos aproveitar o atractivo económico e turístico que hai detrás da conservación da natureza. Esta é a nosa meta, ordenar e mellorar o noso entorno”.

En relación ao proxecto que realizará o concello de Ponteareas de sinalización da senda do río Tea, o alcalde da localidade destacou que se trata do tramo que enlaza A Moscadeira con Padróns. “Esta senda servirá nun futuro de nexo de unión entre os concellos de Ponteareas, Mondariz Balneario e Mondariz”, explicou González Solla, quen asegurou que o obxectivo dos traballos será a posta en valor do río mailo seu entorno, recuperando o seu patrimonio cultural e etnográfico de ribeira, e sinalizando a senda, destacando a presenza das súas especies vexetais e animais propias do seu ecosistema fluvial”.

Así, colocaranse carteis informativos sobre unha base de granito. “Colocaremos carteis con información xeral sobre a senda nos puntos de acceso á mesma e carteis de información específica xunto ós elementos destacados do percorrido (muíños, pontes, castros, regatos,…)”, engadiu o rexedor de Ponteareas, “así como puntos de información quilométrica, que serviran de referencia ós visitantes para contabilizar á distancia percorrida, e, para protexer o entorno, sinais de prohibición da circulación de vehículos a motor e cabalos”. Ademais, tamén se colocará mobiliario na áreas de descanso e recreativas.
José Manuel Cores Tourís recordou que a anterior actuación levada a cabo polo concello de Ponteareas grazas as axudas aportadas pola Xunta aos concellos situados dentro da Rede Natura, tivo que ver coa posta en marcha dunha senda de acceso á área recreativa da Freixa, o que permitiu facilitar a accesibilidade a persoas e colectivos con mobilidade reducida, “permitindo así que todos os veciños que o desexen poidan acercarse a disfrutar deste entorno”, explicou pola súa banda o rexedor do municipio.

9 de decembro de 2014 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.