Medio Ambiente destinará a Cotobade unha axuda de 18.700 euros para a mellora da área recreativa de Calvelo
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Cotobade para analizar co alcalde da localidade, Jorge Cubela, a nova subvención da Consellería de Medio Ambiente que permitirá continuar coa mellora da contorna da área recreativa de Calvelo, xunto ao río Lérez.
Na visita estiveron acompañados polo xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José Luis Díez, así como polos representantes da Comunidade de Montes de Calvelo, Carlos Gómez e José Pichel.
Deste xeito, Cores Tourís asegurou que o municipio executará novas obras de mellora na área recreativa de Calvelo, xunto ao río Lérez, para o que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas aportará unha axuda global de case 18.700 euros, dentro das axudas destinadas a concellos da Rede Natura. O concello de Cotobade aportará o 21% correspondente ao IVA da obra.
O delegado territorial destacou que estas subvencións veñen a ratificar “o compromiso do Goberno galego coa conservación, coa protección e coa mellora dos parques naturais en Galicia e, en concreto, na provincia de Pontevedra, unha das que conta con maior número de concellos acollidos a estas axudas, en concreto 33, investiranse case 676.000 euros en diversos proxectos se temos en conta non só a axuda destinada pola Xunta de Galicia para estes municipios senón tamén a IVA que eles asumen”.
Segundo explicou, estas subvencións destináronse a tarefas de mellora da paisaxe, como a limpeza, restauración e sinalización de camiños e espazos recreativos; a manter as condicións ambientais e favorecer a recuperación de especies en zonas de Rede Natura 2000; e a recuperar ou restaurar elementos históricos patrimoniais, como hórreos, milladoiros, fontes cabanas ou valos.
“O obxectivo da Consellería de Medio Ambiente é dar resposta a estes obxectivos fomentando e aumentando o papel dos concellos á hora de levar a cabo este tipo de accións, na súa calidade de entidades xestoras de terras”, engadiu Cores Tourís, quen matizou que “estas actuacións están dirixidas”, asegurou Cores Tourís, “a contribuír a biodiversidade e á preservación dos ecosistemas de alto valor natural garantindo a compatibilidade cos valores naturais que compre protexer en cada zona e o mantemento dun estado de conservación favorable para os hábitats e as especies de interese de cada espazo dentro da Rede Natura 2000 de Galicia”.
Cores Tourís rematou a visita destacando que dende a administración autonómica continuarase a perseverar no coidado da natureza. “Queremos aproveitar o atractivo económico e turístico que hai detrás da conservación da natureza. Esta é a nosa meta, ordenar e mellorar o noso entorno”.
En relación ao proxecto que realizará o concello de Cotobade o alcalde recordou que se trata dunha zona “que temos que mimar, xa que permite aos veciños gozar do río Lérez. O problema é que as enchentes do río afectan a propia praia fluvial, polo que temos que utilizar uns materiais moi concretos”.
Tal e como explicou Jorge Cubela, o concello de Cotobade conta con dous espazos naturais incluídos dentro da Rede Natura 2000, declarados como Zonas Especiais de Conservación, un e o río Lérez e outro a Serra do Cando. En relación a obra que vai a executar o municipio no entorno deste río, “o obxectivo é acondicionar e mellorar a área de lecer da praia fluvial de Calvelo, eliminando a vexetación invasora, instalando proteccións nas zonas de risco de caída a distinto nivel con novos valados de madeira e dotando de mellora de accesos e mobiliario para que os usuarios poidan gozar este entorno mediante a nivelación do firme”. Instalaranse así sete mesas de picnic de madeira e unha meda informativa panorámica.
Finalmente, o delegado territorial, José Manuel Cores Tourís recordou que a anterior actuación levada a cabo polo concello de Cotobade grazas as axudas aportadas pola Xunta aos concellos situados dentro da Rede Natura, tivo que ver coa instalación dunha pasarela e outras melloras nesta mesma área da praia fluvial de Calvelo. “Deste xeito, garantízase que todos os veciños que o desexen poidan acercarse a gozar deste entorno”, explicou pola súa banda o rexedor do municipio, Jorge Cubela, quen agradeceu a colaboración da Xunta na posta en marcha destes traballos.