Maxi Kleber: “a calor dos afeccionados dan unha atmosfera especial que nos dá enerxía”
O Rio Natura Monbus Obradoiro lanza a súa campaña de aboamentos de segunda volta, que permitirá aos afeccionados gozar de todos os partidos do equipo como local na segunda volta desta campaña da Liga Endesa. Ademais, inclúe de regalo para os máis rápidos o último partido da primeira volta, ante o Morabanc Andorra.
Unha vez máis, o aboamento inclúe diferentes vantaxes ademais do cómodo acceso aos encontros, como un 5% de desconto nos produtos da Miudiño Store ou os descontos ofrecidos nos seus negocios polas empresas membro do Club de Empresas Obradoiro.
O director xeral do club, José Luis Mateo, sinalou en rolda de prensa que “é unha magnífica oportunidade para, agora que está de moda regalar experiencias, regalar dez delas vibrantes e diferentes, estendidas no tempo. Na segunda volta van vir por Sar catro dos cinco equipos de Euroliga e dous dos tres de Eurocup, o gran nivel e as emocións fortes están asegurados”. Ademais, recordou que “o crecemento do club pasa, entre outras cousas, polos subscritores que sexamos capaces de consolidar. A día de hoxe o 25% do presuposto do club procede desa partida”.
Tamén o xogador Maxi Kleber se pronunciou acerca do importante que é para calquera xogador sentir a calor dos seus afeccionados xogando na casa: “dan unha atmosfera especial que por suposto que sentes mentres xogas e que che dá enerxía. Fainos partir con certa vantaxe, e é que realmente é como ter un sexto xogador. En Santiago séntese esa conexión especialmente, unha unión tremenda tanto se gañamos coma se perdemos”.
Moncho Fernández, pola súa banda, recalcou que “para nós o equipo, é imposible medir en número o peso da afección, básico e fundamental. Invito a todo o mundo na medida das súas posibilidades a vir, que non imos defraudar e pasarano francamente ben”.
Os prezos, que van dende os 110 euros aos 330, volverán ter numerosos descontos: 30% accionistas con dereito a desconto, 10% subscritores da tempada 2013/14, 5% subscritores de tempadas anteriores e 10% acumulable por traer un novo subscritor. Ademais, terán Prezos Reducidos os seguintes grupos, presentando a documentación que acredite a súa condición: maiores de 65 anos, menores de 18 anos, estudantes menores de 25 anos, desempregados dende hai máis de 6 meses e federados do baloncesto.
Os aboamentos pódense realizar dende hoxe mesmo a través da páxina web do club (www.obradoirocab.com) ou nas oficinas deste, con horario de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 en días laborables.











