Marci non continuará no Santiago Futsal por incompatibilidade laboral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+
Rolda de prensa de Marci

Rolda de prensa de Marci

Esta mañá tivo lugar a comparecencia en rolda de prensa do presidente do Santiago Futsal, D. Ramón García Seara, o adestrador do Santiago Futsal, Santi Valladares e o xogador Marcial Fernández “Marci”.

O presidente do club santiagués anunciou a marcha do xogador de Boiro debido a motivos laborais que non lle permiten compatibilizar os horarios de adestramento coa súa profesión: “A noticia no día de hoxe ten un lado positivo e un lado negativo. Positivo porque afecta a un dos nosos xogadores, que medrou a nivel profesional xa que o ascenderon no seu traballo. A partir de agora terá unha responsabilidade maior e iso impídelle poder seguir connosco, polo que Marci vai causar baixa nas filas do Santiago Futsal o que resta de tempada. “

O presidente Don Ramón García, quixo agradecer o compromiso que en todo momento o xogador mostrou cara ao club no que se formou nas categorías inferiores “Non podemos máis que agradecerlle toda a entrega e xenerosidade co Santiago Futsal e desexarlle moita sorte nese desenvolvemento profesional que ten por diante con grande éxito. “

O xogador, Marcial Fernández “Marci”, mostrouse apesarado por esta decisión que dixo “tiven que tomar coa cabeza e non co corazón”. Marci agradeceu a confianza que o club lle mostrou en todo momento nesta segunda experiencia no Santiago Futsal, tras a súa primeira experiencia nas categorías inferiores. “Foi unha experiencia curta pero intensa e bonita. Dáme rabia deixar o barco, pero o Santiago Futsal necesita un compromiso e un sacrificio que eu agora non podo dar. “

O adestrador do Santiago Futsal, Santi Valladares tamén agradeceu a dedicación de Marci nesta etapa no club e recordou que esta sempre será a súa casa “Agradecer a Marci o esforzo e o sacrificio que mostrou para poder xogar aquí. Desexarlle toda a sorte na súa traxectoria profesional e recordar que o Santiago Futsal sempre será a súa casa. “

29 de decembro de 2014 | 17:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.