publicidade hoxe

Máis de 350 persoas están inscritas na II San Silvestre do Concello de Fene

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFene
A-
A+

Máis de 350 persoas de todas as idades se inscribiron ata o día de hoxe na segunda edición da carreira San Silvestre que organiza o Concello de Fene para despedir o ano. Celebraráse este mércores, 31 de decembro, e dende a Concellería de Cultura e Deportes destácase que está todo a punto para garantizar que a cita sexa unha auténtica festa. As persoas interesadas en participar aínda están a tempo, xa que poderán anotarse o mesmo mércores na casa consistorial, dende as 10 e ata as 17, media hora antes de que dé comezo a carreira.

O percorrido, eminentemente urbano e adaptado a todas as idades, discurrirá por Fene e Perlío. 3,8 quilómetros con punto de saída e meta na casa consistorial. O custe para os maiores de 18 anos é de tres euros, namentras que os menores poderán inscribirse gratuitamente. De novo, unha das súas principais señas de identidade será o concurso de disfraces. De feito, todos os participantes recibirán do Concello un paquete con diferentes accesorios que fomentarán o ambiente festivo da cita. Dende un gorro de Papá Noel ata confeti, pasando por trompetas ou colares. O concurso de disfraces consta de dúas categorías: individual ou en grupo –cun mínimo de tres integrantes-, con premios para estes e tamén para o mellor disfraz por votación popular a través da páxina facebook da carreira https://www.facebook.com/sansilvestrefene. Non serán os únicos premios que se repartan na cita, xa que os primeiros clasificados das categorías absoluta masculina e feminina recibirán unha cesta de Nadal e, os segundos e terceiros, un obsequio. Así mesmo, o Concello tamén prevé o sorteo dun agasallo moi especial entre os participantes da categoría pitufos (nados entre os anos 2008 e 2011). Unha cita para non perderse. Este mércores, en Fene.

29 de decembro de 2014 | 18:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.