Louzán pon en valor os 30 millóns de euros investidos no deporte de Vigo durante os últimos anos
O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e o seu vicepresidente José Manuel Figueroa mantiveron hoxe un encontro cun total de 96 clubs deportivos da área sur da provincia (60 dos cales son de Vigo) para intercambiar impresións sobre o papel da Administración provincial en apoio ó deporte base local.
No transcurso do acto, desenvolvido no Museo do Mar de Galicia, ambos os dirixentes entregáronlles ós clubs resolucións de axudas por un valor de 85.000 euros para a realización de actividades ou a adquisición de material. Ademais dos 60 clubs vigueses, estiveron presentes entidades de 12 municipios máis da área metropolitana (Nigrán, Tomiño, Tui, Baiona, Gondomar, Redondela, Mos, A Guarda, O Porriño, O Rosal, Oia e Ponteareas).
Louzán e Figueroa informaron os portavoces dos clubs de que a Deputación mantén operativas na actualidade 274 escolas deportivas (nas que participaron desde o 2007 máis de 30.000 nenos, con máis de 8.000 alumnos neste exercicio) e organiza unha decena de torneos deportivos cada temporada, que mobilizan milleiros de mozos entre os 3 e os 16 anos.
Só en Vigo o investimento da Administración provincial na área deportiva durante os últimos sete anos supera os 30 millóns de euros, segundo sinalaron o presidente e vicepresidente da Deputación.
Ambos os dous destacaron o acordo de colaboración alcanzado co Concello e o Celta para a reforma integral do estadio de Balaídos. Lembraron que a Deputación ten habilitadas nos seus orzamentos partidas por valor de 4,7 millóns de euros para iniciar estes traballos.
A Deputación está á espera de que o Goberno municipal vigués poña á disposición o proxecto para a rehabilitación do estadio, así como unha cantidade de diñeiro igual á achegada pola Deputación. Actualmente o Concello dispón só de 1,3 millóns de euros con cargo ó orzamento de 2014 e a unha modificación de crédito aprobada cos votos do PP no Pleno.
Louzán e Figueroa subliñaron tamén outros investimentos recentes ou en marcha que a Deputación desenvolve en Vigo no ámbito deportivo. Citaron a recente reforma do campo de fútbol de Fragoselo, a remodelación integral do campo federativo de Coia, a rehabilitación dos 14 campos de fútbol de herba sintética do municipio, o convenio subscrito coa universidade para a construción do novo campo polivalente para o Vigo Rugby, a entrega de furgonetas a clubs do municipio ou as axudas directas a máis de 100 clubs e entidades deportivas da cidade. En total, estes investimentos superan os 3,5 millóns de euros.
Este esforzo económico compleméntase ademais coa organización de cursos para directivos, os ciclos de conferencias “Xogas” sobre o deporte, os campamentos deportivos de verán (nos que participan directamente máis de 2.000 nenos de Vigo) ou a organización de grandes eventos na cidade, coma o paso da Volta Ciclista a España ou o Campionato do Mundo de Skateboard incluído no Festival O Marisquiño.
Os portavoces dos clubs deportivos expuxeron as súas propostas e as súas reivindicacións, centradas fundamentalmente na necesidade de obter unha maior colaboración das administracións públicas para a organización de actividades, o fomento do deporte base e a mellora das instalacións e equipamentos.











