Louzán concreta cos xefes de servizo a planificación e coordinación da plena transparencia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+
Rafael Louzán na reunión

Rafael Louzán na reunión

O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo cos xefes de servizo da institución provincial para planificar as accións do ano entrante e afondar na coordinación dos servizos en prol dunha plena transparencia das accións da Deputación e de optimizar o uso dos recursos públicos.

Na xuntanza realizouse un balance do ano concluído e fixáronse os obxectivos para o 2015, no que, como medida máis inminente, terá lugar, a partir do 15 de xaneiro, a obrigatoriedade da emisión da factura electrónica tanto para os provedores coma para a propia Administración.

A factura electrónica representará a transmisión dos comprobantes por medios de comunicación electrónicos que substitúen o documento físico pero conservan o valor legal asegurando a orixe e a integridade do contido. A validez legal desta factura será outorgada pola sinatura electrónica baseada nun certificado dixital. A súa implantación terá notables beneficios polo aforro de custos na xeración da factura, maior eficiencia e, entre outros aspectos, menos erros.

Plataforma para os concellos

O presidente anunciou que, a partir do vindeiro 17 de decembro, estará listo o operativo para a implantación desta factura.

Destacou que a Plataforma de Administración Electrónica posta en marcha pola Deputación englobará a automatización dos procedementos internos, a sede electrónica provincial e a posta en marcha dunha plataforma similar para os concellos da provincia.

“Con esta iniciativa non só melloraremos a xestión interna da Deputación senón que desenvolveremos servizos innovadores de valor que se van a prestar nos concellos da  provincia”, afirmou Louzán.

Na reunión o presidente da Deputación fixou os obxectivos de cada servizo do organismo provincial e fixo especial fincapé na plena transparencia da institución a través da súa páxina web; na operatividade e uso da plataforma Cividas, un programa de xestión de tramitación e contratación; e no obxectivo de que as diferentes liñas de axudas ós concellos e colectivos se publiquen ó mesmo tempo co fin de que as entidades e os cidadáns poidan planificar axeitadamente a súa actividade.

Concorrencia competitiva

Un dos aspectos máis salientables da intervención de Louzán foi a insistencia en que nos concursos públicos de contratación primen os procedementos abertos e de concorrencia competitiva e, pola contra, se sigan limitando ó máximo –ata a súa práctica desaparición– os contratos negociados restrinxidos. “Debemos ir en todo caso á subasta pública para os proxectos sencillos e, no caso excepcional de acudir a un negociado, xustificalo en todas as súas manifestacións e non só por importe”, afirmou.

Tarefas e obxectivos

A xuntanza de Louzán cos responsables de cada un dos servizos da Deputación durou case toda a mañá e representou, para cada un deles, un intenso exercicio de balance de actividades, fixación de tarefas e obxectivos e concreción de transparencias.

3 de decembro de 2014 | 19:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.