Los Panchos celebran o seu 70 aniversario con Francisco no Teatro Colón
O vindeiro martes 16 de decembro ás 21:00 horas o popular trío Los Panchos celebrará o seu 70 aniversario cun concerto no Teatro Colón. En tan sinalada data o grupo contará coa colaboración especial do cantante Francisco.
O histórico trío mexicano, capitaneado polo mestre e director musical Gaby Vargas, presentará o seu último disco no que poderemos escoitar os seus temas clásicos e máis recoñecidos polo público, pero tamén novos boleros e algunhas versións de compositores españois.
Flamenco e música para os máis pequenos
A programación para a semana que vén continuará o sábado 20 de decembro coa actuación da bailarina flamenca Fuensanta La Moneta e o domingo 21 e o luns 22 con Panorama Kids, o espectáculo para nenos da coñecida orquestra.
Fuensanta La Moneta é unha das flamencas máis recoñecidas pola crítica contemporánea. Nesta ocasión presentaranos o espectáculo ‘Paso a Paso’ – recomendado pola comisión de danza da Red Española de Teatros. Este traballo é a síntese da súa viaxe por lugares como India, Italia ou París, e por suposto Granada, onde naceu e comezou o seu zapateo da man de La Mariquilla, Juan Andrés Maya e Manolete.
As entradas para a función do sábado 13 poden adquirirse a través da páxina web do teatro www.teatrocolon.es, en www.servinova.com. No quiosco da Praza de Ourense, en horario de luns a venres de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 e tamén na sede do Centro Sociocultural A Fundación, no Cantón Grande 21/23, de luns a sábado, 9.00 a 21.00 horas. Ademais, no despacho de billetes do propio teatro o mesmo día do espectáculo de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a peche. Os espectadores poden adquirir tamén no despacho de billetes do Teatro Colón a Tarxeta Teatro Colón, un programa de abonados con innumerables vantaxes como descontos nunha trintena de locais comerciais da Zona Obelisco ou no hotel NH Atlántico.











