publicidade hoxe

Licítanse as obras de mellora da depuradora e da rede de colectores de Neda nas que se investirán 540.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaNeda
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a licitación dos traballos de mellora no sistema de saneamento e depuración do concello de Neda, nos que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas investirá 540.000 euros. Así llo trasladou esta mañá a delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, ao alcalde, Ignacio Cabezón, con quen mantivo unha reunión de traballo para analizar estas actuacións, que beneficiarán a 5.600 habitantes.

Este proxecto, que será financiado ao 100% por Augas de Galicia, ten como finalidade solucionar os problemas de funcionamento da actual estación depuradora de augas residuais (EDAR) e da rede colectores do municipio. Segundo recordou Do Campo, “estas obras son consideradas por Augas de Galicia de carácter hidráulico primordial na súa planificación”.

Na actualidade o sistema de saneamento de Neda presenta problemas de infiltracións na rede de colectores da zona rural, incompatibilidade do bombeo da estación de ferrocarril cun adecuado funcionamento da EDAR e incorrecta actividade do decantador secundario da depuradora. Para resolver estas problemáticas no sistema de saneamento, levarase a cabo a renovación de colectores, evitando así a produción de augas brancas que se infiltran na rede e que proceden de mananciais e regatos.

O proxecto tamén recolle actuacións no bombeo da estación de ferrocarril, adecuando o seu réxime de funcionamento tanto á poboación servida como a un mecanismo compatible co bombeo de cabeza da planta. Para isto, dotarase este sistema de variadores de frecuencia que permitan axustar os caudais bombeados a valores próximos aos 50 m3/h.

Na depuradora executaranse optimizacións no sistema de pretratamento co fin de solucionar as súas carencias. Substituirase o pretratamento existente por unha planta compacta que inclúe cribado de grosos, transporte e compactación de residuos sólidos, desareado por decantación e desengraxado por flotación. Ademais, procederase á realización de melloras no decantador secundario, adaptando o comportamento deste equipamento a valores de funcionamento axeitados, instalando un módulo de 8,50 metros de longo, 2 metros de ancho e 1 metro de alto.

A máxima representante da Xunta na provincia explicou que, unha vez adxudicados os traballos, estes terán un prazo de execución de seis meses. Na mesma liña, a delegada territorial aproveitou para agradecer ao concello de Neda a súa colaboración, adoitando o compromiso de asumir a explotación, mantemento e conservación das instalacións unha vez rematada a actuación.

9 de decembro de 2014 | 11:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.