Lete Lasa clausura a terceira edición do foro Basket & Cheese
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, lembrou hoxe a importancia do patrocinio privado para o fortalecemento e sostibilidade do deporte, e alentou aos sectores empresarial e deportivo a seguir afondando nunha relación beneficiosa para ambas partes, como canle de comunicación e reforzo de marca no primeiro caso e como fonte de ingresos no segundo.
O secretario xeral considerou que o aproveitamento destas sinerxías é fundamental, xa que os apoios das administracións públicas sempre resultan insuficientes, mentres que a actividade deportiva ten repercusións moi positivas na sociedade, tanto económicas como sanitarias e educativas, e por tanto é ademais unha excelente canle para que as empresas amosen o seu compromiso e responsabilidade social.
Lete Lasa fixo estas declaracións na clausura da terceira edición do evento Basket & Cheese, na que participou xunto co Presidente do Rio Natura Monbus Obradoiro, Raúl López. O foro, celebrado no Hotel Puerta del Camino, abordou na presente edición o tema “Empresa e Deporte: Xuntos Comunicamos Mellor”, coa asistencia de representantes do Club de Empresas Obradoiro, así como os deportistas e o corpo técnico do equipo santiagués.
A mesa redonda foi inaugurada por Javier Puñal, director de marketing do Rio Natura Monbus Obradoiro. No coloquio, moderado polo xornalista Alberto González, participaron Alfredo Quinteiro, experto en marketing e eventos deportivos; Javier Gancedo, manager editorial da Euroliga; Juan Carlos Díaz, Director Comercial da Liga de Fútbol Profesional; Jorge Mahía, Director de Marketing e Desenvolvemento de Negocio de Abanca; e Joan Manel Carreras, Director de Desenvolvemento de Negocio da ACB.











