Lendoiro alega que acudiu ao funeral do seareiro do Deportivo porque era unha cerimonia privada e coñecía á familia
O expresidente do Deportivo da Coruña Augusto César Lendoiro xustificou a súa presenza este mércores no funeral do seareiro galego falecido o pasado domingo en Madrid, con motivo dos altercados entre Riazor Blues e Fronte Atlético, asegurando que “coñecía á súa familia”.
Lendoiro acompañou á familia “a título persoal” e non como representante do fútbol español, en concreto, como Embaixador da liga de Fútbol Profesional (LFP), posto do que foi fulminado horas despois do funeral de Jimmy, o afeccionado do Deportivo falecido o domingo.
“Acompañei á familia de Francisco Javier Romero, á que coñezo, nun momento de dor e duelo, para o que pediran o máximo respecto á súa intimidade. Tratábase dunha cerimonia privada”, dixo Lendoiro nun comunicado.
Ademais, o ex máximo dirixente da entidade deportivista mostrou a súa condena “a todo tipo de violencia”. “En concreto a referida ao mundo do fútbol, dentro e fóra dos recintos deportivos (…) Mostro toda a miña confianza en xuíces, fiscais e policía no esclarecemento dos feitos”, engadiu.
Ademais, Lendoiro agradeceu o interese dos medios por “coñecer” a súa opinión sobre todos estes feitos, pero o dirixente galego explicou que “non procede nestes momentos” porque corresponde a acción da xustiza e “non caben comentarios á marxe das investigacións oficiais”.
Por último, Lendoiro dixo que, á vista das imputacións vertidas contra a súa persoa -“en distintos medios”- procedeu a “encomendar” ao seu equipo xurídico o estudo de distintas accións xudiciais tendo en conta de que puidesen ser constitutivas de delito”, finalizou.











