Lazo Múltiple no día nacional da esclerose múltiple
A Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (A.C.E.M.) e os máis de 47.000 afectados por esta enfermidade e os seus familiares celebran oficialmente cada 18 de Decembro o Día Nacional da Esclerose Múltiple, mediante a realización de diferentes actividades, entre as que destaca a campaña “Lazo Múltiple” para conseguir unha maior concienciación sobre a enfermidade mediante as redes sociais, nas que calquera persoa poderá convidar a outras a compartir fotos co Lazo Múltiple solidario, usando os seus teléfonos móbiles, e a través dos medios de comunicación, difundindo a iniciativa.
O “Lazo Múltiple” é unha aplicación para dispositivos móbiles que fai posible a difusión da problemática da nosa enfermidade e mediante a cal usuarios de calquera parte do mundo, poden tomar ou seleccionar unha fotografía desde a súa smartphone e personalizala engadindo o lazo bicolor de infinitas maneiras, para compartila a través das súas redes sociais favoritas (Twitter e Facebook). Ademais, foron expostas distintas mesas informativas ao longo destes días e proximamente, o martes 16 de decembro, afectados, voluntarios e profesionais de A.C.E.M. estarán nos Hospitais de Conxo e CHUS en horario de mañá, con motivo do Día Nacional da EM. Aínda que a esclerose múltiple (EM) aínda non ten cura, están a producirse importantes descubrimentos na causa e no seu tratamento.
Persiste a necesidade de lograr un maior apoio e comprensión social para as persoas con EM, pois é fundamental a parte emocional que leva padecer unha enfermidade e enfrontarse ao seu diagnóstico e tratamento. Outras cuestións importantes para o colectivo son, ademais do investimento en investigación de novos tratamentos, a necesidade de mellorar a calidade de vida de moitos afectados que levan anos coa enfermidade e chegan tarde aos novos medicamentos, o distinto acceso aos tratamentos dependendo da comunidade autónoma de residencia, e o recoñecemento do 33% de discapacidade co diagnóstico da enfermidade. A.C.E.M. ten como obxectivo principal mellorar a calidade de vida das persoas afectadas de Esclerose Múltiple así como a dos seus familiares.











