Lalín inaugura o Museo Galego da Marioneta no Pazo de Liñares
O acto de inauguración dará comezo ás cinco e media da tarde e incluirá ademais das intervencións das autoridades, unha visita polas instalacións, para continuar cunha actuación da Banda de Música “A Lira” de Prado e de seguido coa actuación do grupo de títeres “El Topil-Teatro”
O sábado, 13 de decembro, inaugúrase, no Pazo de Liñares (Prado-Lalín), ás cinco e media da tarde, o Museo Galego da Marioneta, único Museo de Títeres de Galicia e un dos poucos existentes en España destas características, que aglutina ao redor dunhas 300 pezas de monicreques, algunhas únicas -as máis antigas datan do século XIX-. Un Museo que reúne ademais unha biblioteca especializada na materia conformada por ao redor duns 3.000 exemplares entre carteis, folletos, libros, materiais audiovisuais, etc.
O acto de inauguración incluirá ademais das intervencións das autoridades, unha visita polas instalacións, para continuar cunha actuación da Banda de Música “A Lira” de Prado e de seguido coa actuación do grupo de títeres “El Topil-Teatro”, un teatro de títeres de mesa, a cargo dunha compañía con raíces mexicanas e afincada en Barcelona.
A entrada en funcionamento do Museo Galego da Marioneta con sede permanente no Pazo de Liñares, Ben de Interese Cultural (BIC), que vén de ser rehabilitado polo Concello de Lalín en colaboración co Ministerio de Fomento, coa Xunta, e coa Deputación, e inaugurado o pasado setembro, marca un primeiro paso na transformación deste BIC nun contedor cultural multiárea que será referente galego en temas como o estudo e catalogación da cultura castrexa coa posta posta en marcha do Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico (CXCA), coa sede do Arquivo Histórico de Deza, cunha Sala do Xacobeo ou cunha Sala dedicada ao pioneiro da aviación española e Fillo Ilustre de Lalín nado no Pazo, Joaquín Loriga.











