Juanlu sobre o partido do Santiago Futsal e o Burela: ‘vivirase un ambiente moi bonito’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBurelaDeportes
A-
A+

As cámaras de Teledeporte de TVE presenciarán mañá o duelo galego entre Santiago Futsal e Burela FS Pescados Rubén, a partir das 13.00 horas, en Santa Isabel. “Vivirase un ambiente moi bonito que nos favorecerá aos dous equipos; Santa Isabel é máis acolledor. Fontes do Sar é magnífico pero polas súas dimensións xogar alí sempre resulta máis frío” explicaba o técnico mariñán, Juanlu, agradecendo de antemán o apoio dos numerosos afeccionados que se desprazarán á capital galega para animar os laranxas.

Desde a oitava praza (19 puntos) e logo de cinco triunfos consecutivos, o Burela FS chega ao duelo irmandiño con ganas de sacarse a espiña da derrota da semana pasada en Vista Alegre, co 1-2 a favor do Jaén Paraíso Interior na recta final do encontro. O Santiago Futsal suma un total de 6 partidos sen gañar, sumando só un punto na súa visita a Jumilla na 10ª xornada (2-2). Os composteláns buscan afastarse dos postos de perigo; agora mesmo ocupan a 12ª posición, igualados con Montesinos Jumilla e D-Link Zaragoza.

“Os partidos con Santiago sempre son moi disputados tanto en liga como en Copa Galicia. Talvez eles dispoñan de menos recursos esta tempada pero o noso estado físico, con xogadores importantes que non poden contribuír todo o que necesitariamos, tamén nos condiciona. Creo que o partido se poderá repartir ao 50% para cada un” adiantaba Juanlu Alonso.

Na expedición de Juanlu volverán repetir os mozos Hélder, Ángel e Renato. Entre as dúbidas de última hora estarán Isi e Iago Míguez, ambos por lesións musculares. A participación de Miguel tampouco estará asegurada; o ala madrileño aínda arrastra certas molestias dunha contusión ósea.

Segundo a información facilitada polo Santiago Futsal, Santi Valladares chega a este encontro con dúas baixas: Lucho, que segue co proceso de recuperación da lesión de xeonllo que sufriu a semana pasada, e Lucas Bolo, que comezou a exercitarse co grupo onte e non chegará ao encontro de mañá.

5 de decembro de 2014 | 16:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.